vigorugbyImportante vitoria das Cinco Jotas UB Lavadores ante o E.D. Poio Artai, o pasado sábado en casa (30-23). A falta de catro xornadas para rematar a competición ligueira, os vigueses conseguiron a permanencia matemática. Cun balance de seis partidos gañados, tres empatados e dezasete derrotas, suma quince puntos, once máis que o BM. Artabro Novo Mesoiro, penúltimo da clasificación. Os vigueses xogarán esta fin de semana na cancha do Acanor At. Novas, coa tranquilidade dos deberes feitos.

O Club Vigo gana e remata a superliga 2 de voleibol na oitava posición cunha vitoria sobre o Hotel Río Badajoz (0-3). Os afeccionados que se achegaron a Coia puideron presenciar un dos mellores encontros da tempada, que lle permitiu os vigueses superar ao Xátiva na táboa e rematar a campaña na oitava posición da táboa.

A loita pola quinta praza de primeira estatal apértase. O Magope Seis do Nadal Coia deixou escapar unha boa oportunidade de pór terra polo medio cos seus rivais máis directos. Caeu derrotado en casa ante o Servi-Auto Bueu Atlético por 24-26 e permitiu que os do Morrazo se enganchasen a esa pelexa. Os vigueses mantense nese quinto posto pero con tan só un punto de vantaxe sobre o Bueu e dous sobre Luceiros e OAR Coruña a falta de catro xornadas para que conclúa a liga. A vindeira xornada, visitarán a cancha do cuarto clasificado, o Embutidos Lalinense-Balonmano Lalín.

O Blusens Networks Universidade de Vigo caeu no último partido da competición ligueira no campo de Naranco en Oviedo ante o Real Oviedo Rugby, por un axustado 9 a 5, nun partido no que os asturianos anotaron 3 golpes de castigo, e o conxunto vigués un ensaio a través de Carlos de Cabo. A defensa viguesa funcionou á perfección ao non encaixar ensaios, mentres que en ataque só puido lograr a única conquista a través de De Cabo, que anota desta forma o último ensaio da tempada, a falta de da Copa Xunta de Galicia.

Os Halcones de béisbol perderon onte no campo do Druídas (19-0). A sorte non acompañou os vigueses que a pesar do esforzo demostrado ao longo de todo o encontro a ofensiva do equipo rival foi implacable e dominou os pitchers visitantes. O equipo desanimouse froito dos erros e a mala sorte. Esta fin de semana os Halcones de Vigo desprázanse ao campo dos Leones.

O CD Mosteiro Bembrive de fútbol sala caeu derrotado na súa cancha ante o CD Universidad de Valladolid por 2 a 3. A falta de catro xornadas para finalizar a liga, os vigueses continúan cuartos na clasificación pero cos mesmos puntos que o Pizarras Los Tres Cuñados, que goleou ao Benavente (7-2). Esta xornada o Bembrive viaxa á cancha do Sala Ourense.

E as rapazas do Celta Zorka perderon na casa do Araski (72-55) nun partido onde o cadro vigués non tivo opcións ante as vascas que foron superiores. As locais tiñan a mente posta na fase de ascenso a liga Feminina e non deron tregua. Esta fin de semana as celestes reciben ao Cortegada Kemegal no que será o último encontro ligueiro da tempada. O partido disputarase o sábado 16 ás 19 h. no Pavillón de Navia.