Cabecera Vide

O Blusens Networks Universidade cae en Valladolid

O Blusens Networks Universidade de Vigo caeu este sábado no estadio Pepe Rojo de Valladolid por 30 a 7 ante o segundo equipo do VRAC Quesos Entrepinares, nun partido no que non puido contar con moitos dos seus xogadores por lesión, e que non puido encarrilar en ningún momento.

Dende os primeiros minutos púxose por detrás no marcador xa que no minuto 12 o conxunto pucelano se adiantaba no marcador cun golpe do apertura Diego Rodríguez. Non podería anotar puntos nesta metade o Blusens Networks, xa que a acabaría perdendo por 15 a 0, resultado co que se chegaría ao descanso.

A segunda parte iniciaríase con certa esperanza, xa que nunha xogada persoal Uruburo pousaría o oval para acurtar distancias aos 13 minutos, que coa patada pasada entre os tres paus, poría o parcial en 15 a 7. Todo facía prever unha recuperación no xogo e no marcador, pero non era máis que un espellismo, xa que o Queisos seguiría sumando puntos ata o final de partido, anotando dous ensaios, unha transformación e un golpe de castigo. Non hai que deixar de mencionar os minutos nos que os locais xogaron con superioridade numérica polas amarelas a Filgueira, a segunda consecutiva tras a da pasada fin de semana, e a Carlos López, tempo durante o cal o Queisos anotou tres ensaios e unha transformación. Esa inferioridade tampouco permitiu ao Blusens Networks despregar o seu xogo, polo que os sen bin foron clave no desenvolvemento do partido. O resultado final foi de 30 a 7 ante o último clasificado, que conseguiu bonus ofensivo.

O Blusens Networks Universidade de Vigo estaba invitado ao tercer tempo para ver a final do mundial, e logo regresaba Vigo no mesmo día. Norm Maxwell comezará a preparar o partido da próxima fin de semana, que xogará o domingo ás 12.00 h en As Lagoas, ante Uribealdea, que caeu ante Durango Nissan por 10 a 13, e se única na clasificación con 7 puntos e un partido gañado en seis encontros.