O Blusens Networks Universidade de Vigo gaña a La Única por 27 a 10

Imprimir

rugbyO Blusens Networks Universidade de Vigo venceu onte en As Lagoas Marcosende a La Única de Navarra por 27 a 10, con bonus incluído ao conquistar 5 ensaios, nun partido que comezou perdendo pero que soubo endereitar grazas á formulación táctica, experiencia e calidade técnica dos seus xogadores.

O partido comezou cun temporal que azoutaba o campo de As Lagoas no CUVI, cun forte vento e chuvia, que Peña La Única tería ao seu favor nesta primeira metade, para poñer 0 a 10 aos 16 minutos, produto dun ensaio do capitán Eneko Iriarte, convertido por Urtzi Maidagan, que tamén sumou un golpe de castigo. O equipo navarro saíu con moito ímpeto e contundencia no seu xogo, realizando xogadas cos seus dianteiros que eran dificilmente contidas polos xogadores do Blusens Networks. Notábase neste inicio de partido a falta de rodaxe local, sen amigables na pretempada polo problema do seguro federativo, e pouco engraxado na súa nova composición no campo, con novos xogadores e outros xogando en novas posicións.

Non tardou en cambio o Blusens Networks Universidade de Vigo en asentarse no campo, organizarse, e seguir a dirección da flamante parella de medios, David Riveiro de medio loita, e Adolfo Uruburo de apertura, que este domingo renderon a un gran nivel. O primeiro por achegar potencia ao posto e boa distribución, e o segundo participando en cada acción de perigo, quebrando a liña de defensa e poñendo ao seu equipo metros adiante, incorporando ademais un placaxe contundente para pechar o centro do campo. Sería inxusto non destacar todo o equipo, con puntos destacados en Redondo, Muñiz, de Cabo ou o debutante Santiago Gutiérrez, e que soubo recompoñerse á derrota parcial e acabar dominando o partido tanto en xogo coma en territorio, sen volver recibir máis puntos en contra.

Pousaron o oval vigués na primeira parte Maka Tatafu e David Riveiro, ambos os dous tras xogadas de todo o equipo no que se impuxo a potencia nos metros finais, e que non puideron ser convertidos polo forte vento. Desta forma chegaríase ao descanso co empate no marcador en 10.

A segunda metade, con menos vento, aínda que a favor, e xa case sen néboa, o Blusens Networks Universidade de Vigo impuxo o seu oficio de equipo que a pasada tempada xogou en división de honra para levar o partido con comodidade. Chegaron os ensaios de Carlos de Cabo, Maka Tatafu, que tivo que saír con molestias, e Adolfo Uruburo, que converteu o seu. Dende o minuto 60 non se volveu mover o marcador, pero o público gozou da primeira vitoria e bo xogo do equipo vigués en liga (aínda que si as obtivo en pa Xunta onde foi campión) dende novembro do 2014.

O Blusens Networks Universidade de Vigo suma desta forma 5 puntos no seu primeiro partido, e que xogará o segundo en San Sebastián o domingo 18 de outubro ante Bera Bera.

Fotografía de Jorge Castro.