Haberá rugby con equipos galegos a fin de semana

Imprimir

A directiva do Vigo Rugby Club ten toda a documentación preparada para activar na aplicación da Federación Española de Rugby as licenzas dos xogadores do Blusens Networks Universidade de Vigo, que este domingo se enfrontarán en As Lagoas ante Peña La Única de Navarra pola terceira xornada da liga de División de Honra B, tras pedir a postergación dos dous primeiros partidos.

A Federación Galega de Rugby tiña o xoves as tres propostas finalistas do seguro, que reducen case á metade a proposta económica de finais do verán, dous delas cunha franquía e prezos similares, en torno aos 315€ e outra en torno aos 400€ netos, sen desembolso por sinistro. Quedaban en todos os casos algúns puntos por definirse, como os centros médicos concertados, coberturas xerais e condicións de pagamento que serían decisivos á hora de pechar o acordo final. En calquera caso o traballo levado a cabo pola directiva da Federación rexional, co presidente Nacho Cociña á cabeza, pero tamén doutros directivos de clubs, entre eles Ramón González-Babé, foi intenso nas últimas semanas para intentar destrabar unha situación que levaría á paralización do rugby galego, polo menos para esta tempada, e que se asinará antes da fin de semana.

Para os equipos de División de Honra B, tanto o Blusens Networks Universidade de Vigo, como o CRAT coruñés, non había posibilidade de postergación dos seus respectivos partidos da fin de semana, e os demais equipos que xogan nas ligas galegas deben empezar en breve as súas ligas, á vez que tamén deben estar cubertos por un seguro á hora de realizar os seus adestramentos. O inconveniente que atoparán todos os clubs galegos é o alto prezo que deben afrontar os seus xogadores, o que seguramente fará diminuír os equipos nalgúns casos. Para contrarrestar este último punto, a Federación Galega renunciou ao canon correspondente no pagamento das fichas, importe que irá directamente ao pagamento do seguro, e tamén se baralla a posibilidade de ofrecer unha flexibilidade no pagamento.

A alta sinestralidade da pasada tempada, unido a dous casos de lesións graves, levaron ás aseguradoras a cotizar a alza a póliza federativa, e que puido baixarse tras as negociacións das últimas semanas, para poder conseguir uns prezos similares aos doutras federacións territoriais.