Presentouse o Blusens Networks Universidade de Vigo de Rugby

Imprimir

presentacion panel autoridadesO mércores pola mañá presentouse nas instalacións universitarias da Universidade de Vigo a nova tempada que o Blusens Networks Universidade de Vigo desempeñará na División de Honra B. A novidade de última hora, é a confirmación por parte do patrocinador do nome co que participará o primeiro equipo nas competicións, que pasará a chamarse Blusens Networks Universidade de Vigo.

Blusens Networks é unha compañía de capital galego, que está especializada no desenvolvemento, fabricación e comercialización de electrónica de consumo e produtos de comunicación en rede e seguridade electrónica www.blusensnetworks.com

Na presentación estiveron presentes o presidente do Vigo Rugby Club, Ramón González-Babé Iglesias, o reitor e o xerente da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e Manuel Fernández respectivamente. Tamén acompañou Daniel Benavides, representante da Xunta de Galicia en Vigo.

Un dos aspectos que se mencionaron durante a presentación, é a dificultade que está a pasar a Federación Galega de Rugby para atopar unha póliza asumible polos clubs para estar asegurados, o que levou ao Blusens Networks Universidade ade Vigo a aprazar o seu primeiro partido de liga deste sábado en País Vasco, ante Durango, acordo ao que chegaron ambos os dous clubs. Continúase á espera de solucionar este inconveniente que paralizou as actividades do rugby galego, situación na que tamén se atopa o outro participante na categoría, o CRAT coruñés.

Mentres tanto o equipo a cargo de Norman Maxwell segue preparándose para o inicio de liga, á espera que poida encamiñarse a situación en breve.