Cabecera Vide

O Vigo Rugby Club comeza a perfilar a nova tempada

Norm Maxwell foto Diego DolanCunhas semanas de atraso con respecto a outras tempadas, debido en gran parte á profunda restructuración que se está a levar a cabo na estrutura do club, o Vigo Rugby comeza a perfilar a próxima tempada 2015-2016 na categoría de División de Honra B.

Dentro da estrutura de responsabilidades en da directiva haberá unha repartición de funcións, anteriormente centralizada nun grupo reducido de persoas, e que agora estará desempeñada por unha vintena de colaboradores, con José Angel Martín Tello como responsable da xestión do club e director deportivo, e Nicolás Troncoso como novo vicepresidente. Ramón González-Babé continuará como presidente, mentres que Federico González-Babé fará o mesmo como secretario. Pola súa parte Miguel Angel Martínez Díaz, centrarase agora na dirección de comunicación e marca, e Ignacio Franco farase cargo de patrocinios e comercial. Todas as áreas estarán compostas por equipos de colaboradores para unha máis eficaz repartición do traballo.

O principal obxectivo desta tempada é desenvolver a estrutura do club, consolidando o grande crecemento dos últimos anos nos que se chegou ás 250 fichas por tempada, para dar un novo impulso de captación tanto de xogadores, coma de seguidores e patrocinadores. Tamén se fará fincapé no desenvolvemento e formación das categorías inferiores, para que no futuro poidan nutrir os primeiros equipos de xogadores, sen ter que depender de incorporacións foráneas. Esta tempada intentarase conformar o equipo co maior número de xogadores posible da casa, facendo promoción de algúns do conxunto rexional, e con outros xogadores de clubs galegos.

No caso do equipo feminino continuarase apoiando o crecemento tanto deportivo como de incorporación de xogadoras para poder optar nun futuro próximo ao ascenso a División de Honra con posibilidades reais.

En canto ás novidades no Universidade de Vigo de División de Honra B, estase á espera de manter conversacións co principal patrocinador da tempada pasada, aínda que hai algúns que xa confirmaron a súa continuidade como Estrela Galicia, a multinacional loxística viguesa Kaleido e Clínica Veterinaria Beade, e unha que se incorpora, Hiperxel, ademais de Abanca.

Falando do deportivo confirmarase oficialmente nas próximas horas a continuidade de Norman Maxwell á fronte do primeiro equipo, e en canto ao equipo, dos que chegaron de fóra, Javier Abadía continuará, algo que tamén fará Maka Tatafu, unha vez acórdese formalmente entre ambas as dúas partes.

O comezo da pretempada dará comezo a mediados de agosto, co inicio de liga o 20 de setembro, mentres que o sorteo do calendario se realizará o martes 28 de xullo en Madrid.

Fotografía de Diego Dolan.