O Blusens Universidade cae en Madrid e descende á División de Honra B

Imprimir

O Blusens Universidade de Vigo vía ao seu alcance ao descanso o tan ansiado milagre. O marcador do Valle de Las Cañas, en Pozuelo, reflectía un 18 a 19 a favor, con 3 ensaios vigueses, a un do bonus. Mentres, en Landare Toki, o Barça gañaba a Hernani por 12 a 14. Un ensaio máis do Blusens Universidade, manter o resultado, e manténdose o do País Vasco, a promoción era unha realidade.

Ao final todo era un espellismo, en ambos os dous campos sucedería o mesmo, á mesma hora, coma se os catro equipos se puxesen de acordo. Nin Barça anotaría máis, nin tampouco o faría o Blusens Universidade. Pola contra Hernani e CRC levarían o partido cunha ampla diferenza no marcador, como non deixando lugar ás dúbidas. Ambos os dous gañaron con bonus.

Remata o sono do Blusens Universidade de Vigo en División de Honra, nunha tempada marcada polas lesións, os problemas de tesouraría ou as malas decisións para pechar os partidos de inicio de tempada en momentos clave entre outras cuestións, que servirán de base para corrixir e ter en conta para o futuro proxecto deportivo do Vigo Rugby Club, non só para o equipo senior masculino xogando na categoría de prata, senón tamén para a actual dimensión do club, cunha base cada vez máis numerosa de novos xogadores e un equipo feminino cada vez máis en alza.

Do partido do domingo en Pozuelo, pouco se pode rescatar, máis alá da actitude do equipo no primeiro tempo, e a importancia de novos talentos que formarán a base do futuro Blusens Universidade, como Maguna ou Uruburo. Pero a sorte empezou a botarse no mes de decembro, e co baixón posterior ás vacacións de nadal, xa que nunca se recuperaría nin o nivel físico, nin as sensacións, e aparecerían varias lesións. Ademais, os partidos ante rivais directos perdíanse por gran diferenza, e Hernani, desafiuzado na primeira volta de liga, estaba imparable.

O Blusens Universidade de Vigo emprendeu a volta en autobús, esperarano no reitorado os nenos e nenas da escola para darlles ánimo, son os seus ídolos deportivos, perdan ou gañen.

CRC Pozuelo 35 (b): Fernando González, Alejandro Cantarero, Gastón Ibarburu, Telmo Romero, Javier Salazar, José Mollinedo, Zachary Taylor, Arturo Brasca, José Lerín, Antoine Sánchez, Daniel Fernández, Javier Cana, Daniel Barrero, Ignacio Vázquez e Carlos Molina. Tamén xogaron: Antonio Llamas, David Adoitar, Daniel Narváez, Miguel Ramírez, Santiago Lobetón, Santiago Ojeda, Marcos Fidalgo e Francisco Cloppet.

Blusens Universidade de Vigo 19: Oscar Ferreras, Vicente Prieto, Marcos Muñiz, Carlos López Marqués, Mariano Berlande, Adrián Fernández, Rubén Rodríguez, Mpho Mbiyozo, Borja Vera, Joaquín Maguna, David Riveiro, Javier Abadía, Javier Parga, Carlos de Cabo e Adolfo Uruburo. Tamén xogaron: Juan Rodríguez, Jesús Moure, David Redondo, Pedro González, Victor Salgado, Le Murray, Paul González e Falemaka Tatafu.

Tanteador:
Min 2 golpe de castigo de Sánchez, 3 a 0
Min 8 golpe de castigo de Sánchez, 6 a 0
Min 10 ensaio de Maguna, transformado por el mesmo, 6 a 7
Min 20 ensaio de Prieto, transformado por Maguna, 6 a 14
Min 25 ensaio de Cana, transformado por Sánchez, 13 a 14
Min 26 ensaio de Uruburo, 13 a 19
Min 39 ensaio de Fernández, 18 a 19
Descanso
Min 47 golpe de castigo de Sánchez, 21 a 19
Min 70 ensaio de Ramírez, transformado por Sánchez, 28 a 19
Min 76 ensaio de Lerín, transformado por Sánchez, 35 a 19

Incidencias: partido xogado no Valle de Las Cañas, campo no que ascendeu en Blusens Universidade ante o mesmo rival de onte, arbitrado por Jorge Molpeceres, que mostrou cartolina amarela ao local Sánchez no minuto 78 por xogo sucio e ao capitán vigués Parga no 67 por protestar.