Cabecera Vide

Norman Maxwell fai un chamamento á afección

norm meraEste domingo ás 13.00 h, o Blusens Universidade de Vigo xogará o seu partido correspondente á 21ª xornada de liga da División de Honra ante o UE Santboiana. Un partido complicado co equipo vigués, dependendo aínda de si mesmo, para permanecer na máxima categoría, cun punto de vantaxe sobre o último clasificado da competición, Hernani, posto con descenso directo.

A permanencia directa está a 6 puntos, con 2 partidos por xogarse. De manterse na clasificación actual, o Blusens Universidade xogaría os playoff de permanencia.

Un dos dous directores técnicos, Norman Maxwell, escribiu este comunicado para buscar o apoio da afección:

"Escribo estas palabras a favor do noso equipo. En primeiro lugar, para achegarvos ao noso equipo e en segundo, para pedirvos o voso apoio no último partido na casa esta fin de semana.

Esta tempada foi a nivel persoal, unha das máis desafiantes nos máis de 32 anos que levo de experiencia no rugby.

Por unha parte esta tempada foi un reto debido á cantidade de acontecementos aos que tivemos que facer fronte (demasiados para nomealos a todos) tanto dentro como fóra do campo.

Pero ao mesmo tempo foi moi gratificante, xa que parte dos obxectivos este ano foron desenvolver e xogar co máximo número de xogadores galegos posibles. Un obxectivo que cumprimos.

Isto para mi é o Rugby e o desenvolvemento natural que debe ter, unha inversión a longo prazo para o rugby vigués e galego.

Unha cuestión que me gustaría que a xente entendese é que o rugby é un deporte moi difícil de desenvolver, que necesita anos de aprendizaxe (físico e técnico) dende idades temperás para chegar a un bo nivel básico. Temos xogadores locais novos con moito talento que non tiveron o luxo de aprender gradualmente dende categorías inferiores (coma se o tiveron outros xogadores de división de honra en España) e tiveron que facelo directamente na máxima competición. Algo que non é doado.

Necesitan unha oportunidade para atopar o seu lugar.

Nós non pretendemos escusarnos. Ás veces esta tempada non xogamos tan ben como nos gustase. Pero tamén outras veces xogamos un rugby excepcional. O noso reto foi constancia e conexión, algo no que aínda estamos a traballar.

Temos un núcleo de xogadores que, despois de todo o que pasamos, seguen loitando e non se renden. Eles merecen o noso apoio.
Traballamos duro para manter o noso lugar en División de Honra.
Grande parte dos nosos logros foron grazas ao voso apoio. É por este motivo que nos gustaría pedirvos que vingades para darnos un último pulo no partido que este domingo ás 13.00 h xogaremos ante la Uniu Sportiva Santboiana.

A entrada será libre e gratuíta. Esperámosvos! Imos Vigo!"

Fotografía de Diego Dolan.