A multinacional kaleido, Ideas & Logistics, renova o seu patrocinio co Vigo Rugby unha tempada máis

Imprimir

kaleido_rugbySon xa moitos anos de relación entre a empresa loxística e o Vigo Rugby Club, e é que non se trata dun patrocinio calquera, despois de máis de 10 anos de relación, a Kaleido (antes Vasco Galega) e ao club, únelles algo máis que un apoio económico: a paixón por este deporte polo espírito de superación e sacrificio, e os valores que reflicte.

"Énchenos de orgullo apoiar un club que respira tanta coraxe e co que compartimos a mesma filosofía. O rugby en si transmite os valores que defendemos e a forma en que levamos a cabo a nosa actividade", comenta Xosé Martínez Reboredo, directivo da compañía loxística. O patrocinio convértese neste caso nunha extensión da ética de Kaleido, na que o apoio ao desenvolvemento deportivo é unha constante.

O Blusens Universidade de Vigo, primeiro equipo galego que milita na División de Honra, comezou a pretempada a principios de agosto e será o do 14 de setembro cando se desprace a Gernika, cando continúe co proxecto de consolidación por cuarta tempada consecutiva na máxima categoría do rugby nacional.

O equipo vigués combina unha forte política de canteira con xogadores provenientes dos puntos máis dispares do planeta, con xogadores de Oceanía (Tonga, Samoa, Nova Zelandia e Australia), Sudáfrica, Francia, Arxentina e Uruguai. Sen ir máis lonxe un dos adestradores é Norm Maxwell, internacional cos temibles All Blacks neozelandeses. De modo que non só son os valores o que comparten as dúas entidades, senón tamén o espírito global, xa que Kaleido, conta cun equipo humano e unha estrutura en España, China, India, Brasil, Sudáfrica, Angola e Portugal.

Dende a directiva do club comentan que "É fantástico contar co apoio de Kaleido, sobre todo nestes momentos en que é tan difícil captar recursos. Son moitos anos de apoio, de feito é o noso patrocinador máis antigo, e isto fainos sentir o cariño que existe cara á grande familia do rugby e o respecto cara aos valores que este deporte representa".