Cabecera Vide

O Blusens Universidade de Vigo cae na ida dos playoff

rugbyO Blusens Universidade de Vigo desprazouse a Barcelona para disputar o pasado domingo o partido de ida dos playoff pola permanencia en División de Honra. A preparación dun mes dende que rematou a competición regular puídolle pasar factura, ao igual que un campo de herba artificial no que só se podía xogar con botas de goma, ou a calor, pero o que máis sorprendeu ao equipo vigués foi un ordenado e contundente Rugby Sant Cugat, que atacou durante todo o primeiro tempo asfixiándoo e sen deixarlle facer o seu xogo.

É que durante todo o primeiro tempo o Blusens Universidade só puido chegar ás 22 locais nos últimos 5 minutos, e con perigo nunha xogada tras unha touche na cal a punto estivo de ensaiar pero un avant de Maka Tatafu impediuno. O certo é que este período foi un monólogo local, cun Sant Cugat moi veloz nos seus tres cuartos e moi forte na súa dianteira. Desta forma puido realizar tres ensaios a través de Losada, Plá e Lafuente con dúas transformacións pasadas por o apertura Berazategui. Por parte do Blusens Universidade anotou os únicos 3 puntos Jeremy Simon, que chutó outro ao pau, para deixar o marcador parcial en 19 a 3 ao descanso.

O segundo tempo empezou co Sant Cugat con 14 xogadores por unha amarela a Pugliese no último minuto da primeira parte, circunstancia que non puido aproveitar o Blusens Universidade para achegarse no marcador, algo que si fixo en cambio o Sant Cugat para abrir máis vantaxe, cando no 47 foi amoestado Nathan George, tras o cal anotou o seu cuarto ensaio. No minuto 52 chegaba o único ensaio visitante, a través de Tatafu que facía moito dano e gañaba moitos metros nunha segunda metade que foi dominada polo Blusens Universidade pero que non soubo transformar en puntos, xa que o Sant Cugat resolvía moi ben as situacións defensivas, descomprimindo o xogo, ou ben por erros vigueses nos últimos metros ou na toma de decisións. Ao final pasaba un golpe o apertura local Berazategui para deixar o resultado definitivo de 29 a 10.

O Rugby Sant Cugat viaxa agora a As Lagoas cunha vantaxe de 19 puntos a favor para o partido de volta, diferenza que terá que superar o Blusens Universidade para permanecer na máxima categoría, algo que non parece imposible para un equipo afeito a saír de situacións adversas e que sempre o fai mellor no seu campo, sabendo o que se xoga e arroupado polo seu público. O partido está fixado para o sábado 7 de xuño ás 17.30 h.

Rugby Sant Cugat 29: Josep Sánchez, Jordi Segura, Gabriel Pugliese, Nico Gómez, Andrés Rangel, Pierre Lartigau, Juan Sorrequieta, Jorge Lafuente, Pol Gómez, Iñaki Berazategui, Pedro Guadatiuro, Juan Losada, Bruno Granell, Pol Pla e Daniel Reyes. Tamén xogaron: Mateu Argudo, Leo Paredes, Fede Gómez, Abraham Velázquez e Pol Pérez. Suplentes: Ramón Argerich Niko Romanu Marcelo Converti

Blusens Universidade de Vigo 10: David Redondo, Tito Prieto, Maka Tatafu, Carlos López Marqués, Mariano Berlande, Javier Abadía, Rubén Rodríguez, Alejandro Balnco, Borja Vera García-Portillo, Nathan George, Mauro González, Joe Reynolds, Carlos de Cabo, Jeremy Simon e Adolfo Uruburo. Tamén xogaron: Oscar Ferreras, David Monreal e David Riveiro Suplentes: Juan Manuel Rodríguez, Marcos Muñiz, Daniel Vázquez e Pedro González.

Tanteador:
Min 13 ensaio de Lafuente, 5 a 0
Min 22 ensaio de Pla transformado por Berazategui, 12 a 0
Min 33 golpe pasado por Simon, 12 a 3
Min 37 ensaio de Losada, transformado por Berazategui, 19 a 3
Descanso
Min 48 ensaio de Granell, transformado por Berazategui, 26 a 3
Min 52 ensaio de Tatafu, transformado por Simon, 26 a 10
Min 67 golpe pasado por Berazategui, 12 a 0

Fotografía de Jorge Martínez