Cabecera Vide

BUC vs EDNON Universidade Vigo RC

O EDNON Universidade Vigo Rugby non logrou manter o resultado favorable ao final do partido e acabou perdendo por 32 23 ante BUC de Barcelona.

O partido comezou co equipo de Barcelona -moi renovado con respecto á tempada anterior e enchido de estranxeiros na súa aliñación- concentrado e sabendo claramente que facer. En poucos minutos colocouse no campo vigués e ensaiou poñéndose 7 a 0. A reacción do EDNON non se fixo esperar e trasladou o seu xogo ao campo do BUC onde este, para deter os continuos ataques, cometía golpes de castigo que Vigo soubo aproveitar cunha xogada rápida dos dianteiros que puxo o empate no marcador. O partido fíxose de ida e volta e BUC ensaiou novamente polo que pasou a gañar 14 a 7. Dende ese momento EDNON parecía atopar o camiño e ensaiou dúas veces para poñerse arriba no marcador 17 a 14, sen poder transformar ningún deles. Así se chegou ao descanso. A poucos minutos de comezar o segundo tempo o BUC converteu un golpe de castigo e o EDNON fixo o propio sumando 3 puntos máis. A esa altura os de Vigo manexaban o partido e pouco despois Mauro elevou o marcador con outro disparo a paus e pasouse a gañar 23 a 14. Todo facía supoñer que o partido estaba a decantarse a favor dos de Chema xa que quedaban 15 minutos de partido, mesmo EDNON estivo a punto de ensaiar cando asechaba a zona de ensaio de BUC, pero nun Ruck a escasos dúas metros da liña, un mal pase rematou nas mans da á do Buc Ripol, que puxo o xogo no campo da visita e logo dun par de manobras os de Barcelona lograron o ensaio. A partir de aí Vigo desesperouse e comezou a cometer moitos erros que o BUC aproveitaba. Unha patada para despexar tapada e outro ensaio por erros en defensa poñían 24 a 23 a favor do BUC cunha tarxeta amarela incluída con exclusión temporal para Mauro Álvarez. Un disparo a paus e outro ensaio cando o tempo expiraba poñían cifras definitivas ao encontro por 32 a 23 para que os de Vigo se volvesen coas mans baleiras e sen punto bonus.

Merecido triunfo para o equipo que soubo manexar e fixo mellor as cousas nos últimos minutos de xogo. Os de Vigo deberán ter en conta, de cara ao inicio da segunda volta da Liga, que os erros, o desespero e a desconcentración se pagan caros.

Fin para a primeira volta da Liga, que deixa un sabor amargo de boca, xa que non se deron os resultados favorables, a pesar que se estivo moi preto en todos os partidos disputados. Queda renovar a esperanza e seguir por este camiño que os resultados chegarán e virán como consecuencia do esforzo.

Cabe destacar o bo debut da nova incorporación, o internacional xuvenil e primeira liña arxentino Nicolás Martínez, que lle dá un aire novo ao paquete de dianteiros.

BUC 32 - Vigo 23

Aliñación EDNON Universidade Vigo Rugby:
Iñaki Román, Vicente Prieto e Nicolás Martínez, Mariano Berlande e Jose Mª Fernández, Fernando Millara, Mauro González e Nicolás Gómez Ventura, Alberto Mera e Joaquín Maguna, Cristian Aniño, Alberto Campos, Carlos De Cabo, Javier Parga e Mauro Álvarez.

Cambios: Victor Fontán por Iñaki Román

Os Puntos de Vigo:
Ensaio de José Mª Fernández transformado por Mauro Álvarez, Javier Parga Martín (2) s/transformar e dous golpes de castigo de Mauro Álvarez.

Liga Galega Xuvenil
O equipo xuvenil do Vigo Rugby Club confirma o seu bo estado de forma vencendo na casa a Coretti Lalín RC por 12 a 5 e colócase como líder en solitario da categoría.

Liga Galega Cadete
No inicio da liga, o equipo cadete Torres e Carreira Universidade Vigo Rugby perdeu no seu desprazamento a A Coruña contra o CRAT por 57 a 0.

Liga Galega Feminina
Pola súa parte o equipo feminino perdeu na casa contra o CRAT coruñés por 0 47 nun encontro disputado no campo de Lagoas Marcosende do CUVI baixo unha chuvia torrencial e sarabia.