O Iveco cae derrotado por 21 a 16 ante Ampo Ordizia

Imprimir

374ampoordizia-ivecovigoO Universidade de Vigo Iveco realizou onte un grande partido en Ordizia malia caer derrotado por 21 a 16, o que valeu traerse un punto bonus por perder por menos de 8 puntos, e novamente deixa sen bonus ao seu rival, como no primeiro partido ante La Vila.

O partido foi moi parello de principio a fin e a diferenza chegou a principios da segunda parte cando o Universidade Iveco puxera 11 a 16 e sufriu a expulsións temporais de Mariano Berlande, Gus Gainzarain e Basilis Katsakos, por accións rigorosas que a colexiada do encontro considerou perigosas. Con estas exclusións (sen bin de 10 minutos) o equipo vigués xogou 10 minutos con 12 xogadores, e sumado á do minuto 1 do mesmo período de Adrián González, o Universidade Iveco estivo en campo en inferioridade numérica máis de 20 minutos. Vantaxe que foi determinante ante un equipo que a tempada pasada foi subcampiona, invicta no seu campo, e que esta tempada se reforzou para ser novamente candidata ao triunfo final.

O encontro comezou a favor do Universidade de Vigo Iveco, que aos 2 minutos se poñía en vantaxe mediante un golpe de castigo de Josh Hamilton, por 0 a 3. A reacción vasca non se fixo esperar e o novo xogador local Iruarriz apoiaba un ensaio que poñía o partido 5 a 3, xa que non houbo transformación acertada. A partir do ensaio, o Ampo Ordizia acantoou ao equipo vigués nos seus 22, pero a contundente defensa visitante non permitiu ao equipo vasco chegar a anotar novamente. Ao saír da presión o Universidade Iveco comezou a gañar terreo, con momentos de gran rugby, ata que tras unha xogada no minuto 21 a á grego Katsakos apoiaba o primeiro ensaio da liga para os universitarios baixo paus, con posterior transformación de Hamilton. Dende ese momento o Universidade Iveco asediou o equipo local que só se desafogaba en defensa mediante as patadas do apertura Simpson. Ao final da primeira parte, é o mesmo Simpson o que anota un golpe de castigo para deixar o tanteador parcial ao descanso de 8 a 10 a favor dos vigueses.

Ao comezar o segundo tempo no minuto 1, Ampo Ordizia poñía á fronte do marcador por 11 a 10 grazas a un golpe de castigo de Huxford, que non duraba moito, xa que no ´4 e ´9 Hamilton anotaba senllos golpes para deixar o parcial 11 a 16 a favor do Universidade Iveco. Ampo Ordizia, ensaiou posteriormente co seu pack de dianteira no minuto 11 empatando o partido 16 a 16. Foi a partir de aí cando as decisións arbitrais pesaron no encontro xa que no minuto 10 vían as exclusións temporais os 2 xogadores vigueses e aos poucos minutos o grego Katsakos, deixando o equipo con 12 xogadores, o que aproveitou o conxunto vasco para apoiar o definitivo ensaio que deixaba o marcador 21 a 16. Ao retornar os xogadores vigueses do sen bin acorralaron aos vascos nos seus 22 con moita presión, que acabaron pedindo a hora nun partido que permite ao Universidade Iveco traerse un valioso punto bonus, saíndo moi aplaudidos polo xogo despregado.

Agora viaxe de volta e a preparar durante a semana o partido do próximo domingo ante Gernika, outro dos fortes da categoría en Marcosende.

Ampo Ordizia Rugby 21- Universidade de Vigo Iveco 16

Aliñacións:

Ampo Ordizia Rugby: Abanzabalegi, Grende, Argaiz, Parker, Del Rio, Lerma, Iruarriz, Freeman, Huxford, Kroll, Goia, Simpson, Tudela, Puyadena e Martín. Tambien xogaron: Lolotonga, Mattaruco, Alvarez de Eulate, Hearne e Muller.

Universidade de Vigo Iveco: Roman, Ferreras, Gainzarain, Fernández, Berlande, Hall, Bargiela, Griffin, Mera, Hamilton, De Cabo, Branco, Arrizabalaga, Katsakos e Tukaki. Tamén xogaron: Mavreas.

Incidencias: A colexiada, moi discutida por ambas as dúas partes, en especial por Vigo, o máis prexudicado, sacou tarxeta amarela a Fernández no 41, a Gainzarain no 56, a Berlande no 56 e a Katsakos no 62 por parte de Vigo, e a Hearne de Ampo Ordizia no 80.

Marcador:

Min 2. Golpe de castigo transformado por Hamilton (0-3)
Min.6. Ensaio de Iruarriz (5-3)
Min. 21. Ensaio de Katsakos, transformado por Hamilton (5-10)
Min. 40. Golpe de castigo transformado por Huxford (8-10)
Min. 42. Golpe de castigo transformado por Kroll (11-10)
Min. 44. Golpe de castigo transformado por Hamilton (11-13)
Min. 49. Golpe de castigo transformado por Hamilton (11-16)
Min. 51. Ensaio de Del Rio (16-16)
Min. 58. Ensaio de Goia (21-16)