Cabecera Vide

Novo triunfo do Iveco Universidade que o coloca segundo

374ruckvigoO Iveco Universidade obtivo un importante triunfo na súa visita ao Pais Vasco ao campo do Durango vencendo por 24 15 e traéndose un punto bonus. Con este resultado o equipo olívico colócase segundo na clasificación como única escolta de Getxo Rugby que venceu con bonus ao BUC en Barcelona por 53 a 17.

O Iveco Universidade comezou o partido perdendo debido a un ensaio e un golpe de castigo convertidos nos primeiros minutos do partido por parte de Durango. O partido facíase complicado pola intensa chuvia que caía nese momento pero o conxunto vigués puido encarrilar o partido anotando 2 ensaios seguidos por parte de Jon Iker Arraztoa e Mariano Berlande, un deles convertido por Jon Arrizabalaga, deixando o marcador parcial en 12 a 8 a favor aos 25 minutos do primeiro tempo. Dende ese momento o Iveco Universidade controlou o partido ao seu antollo cunha grande mobilidade do balón por parte dos tres cuartos mentres a dianteira realizaba unha gran defensa gañando mesmo metros e empurrando cara atrás ao equipo local.

A segunda parte iniciouse co Iveco Universidade ben parado en defensa, controlando o partido e realizando grandes movementos de ataque. O balón movíase dun lado ao outro do campo produto do cal chegaron 2 novos ensaios da liña de tres cuartos, anotados polo neozelandés Riki Tukaki e polo australiano Carlos Blanco, un dos cales foi convertido, deixando o marcador en 24 a 8 a favor e o que lle daba ao conxunto vigués o punto bonus por anotar 4 ensaios. Nos últimos compases do partido Durango anotou un ensaio convertido pero xa non quedaba máis tempo e o Iveco Universidade tróuxose unha importante vitoria que o coloca segundo a 3 puntos do líder Getxo. Destacáronse no xogo Carlos Blanco e Francisco "Pakito" Usero. O adestrador David Monreal quedou conforme co traballo realizado polos seus xogadores e durante o segundo tempo realizou os 7 cambios que dispoñía polo que puido refrescar ao equipo. Norm Maxwell asistiuno nos labores técnicos.

Noutros resultados da División de Honra B Grupo I, o FC Barcelona derrotou ao Uribealdea Rugby por 20 a 3 a domicilio e o Oviedo perdeu nos últimos minutos de local ante Hernán por 17 a 16. O Getxo mantense primeiro con 21 puntos, seguido do Iveco Universidade con 18, terceiro con 15 séguelle Oviedo, cuarto con 14 colócase o FC Barcelona, quinto con 9 puntos está Hernani, ao que lle segue con 8 Durango e pechan a táboa BUC e Uribealdea con 4 puntos.

O próximo domingo visita o Campo de Lagoas Marcosende o último Uribealdea, partido no que se estreará como local a nova equipación.

IVECO UNIVERSIDADE VIGO R.C.: Adrián Fernández, Oscar Ferreras, Gustavo Gainzarain; Fernando Millara, José María Fernández ©; Francisco Usero, Agustín Bargiela e Mariano Berlande; Alberto Mera, Jon Arrizabalaga, Iker Arraztoa, Carlos Blanco, Marco Visoná, Mauro González e Riki Tukaki.
Ingresaron: Iñaki Román, Vicente Prieto, Juan Pablo Macedo, Iván Conti e Clovis Degorce, Gonzalo Valencia e Joaquín Maguna Lago
Adestradores: David Monreal e Norman Maxwell.