Cabecera Vide

El Olivo foi quen de gañar ao Ponferrada (1-0) e está a dous pasos da fase de ascenso

374olivo2El Olivo recuperou o liderado no grupo II da Primeira Nacional de fútbol feminino, mantense invicto no Municipal Pahiño (once encontros, once vitorias) e logrou encher o campo municipal por vez primeira esta tempada.

O novo complexo deportivo de Navia segue a dar sorte aos equipos locais, que non ceden nas novas instalacións do IMD.

 

As de Edu González marcaron pronto por medio de Anaír ("Lombi") e perdoaron a goleada. No derradeiro minuto antes do descanso Anaír tivo a sentenza, pero o seu exquisito toque sobre a saída da gardarredes acabou no pau.

Ao Olivo quédanlle dúas xornadas (fronte ao Friol o 10 de abril e en Vigo o 17 de abril contra León). Ten a fase de ascenso feita se gaña os dous encontros ou fai exactamente o mesmo que o Ponferrada, co que ten gañado o enfrontamento directo (empate no Colomán Trabado e triunfo galego en Navia).

Á fase de ascenso só vai o campión de cada un dos seis grupos. Os seis campións quedan encadrados por sorteo en dous grupos e cada equipo disputa dous partidos, un en casa e outro fóra, tamén definidos no sorteo. As datas da liguiña de ascenso, o 1, 8 e 15 de maio. Só sobe á Superliga o campión de cada liguiña.

Esta pode ser unha oportunidade de ouro para tentar o ascenso porque está aprobada a reestruturación do campionato: de 23 equipos pásase a 18 na Superliga ao baixar sete, mentres que a Primeira Nacional convirte os seis grupos de agora en catro de 14 conxuntos e créase a Terceira División. El Olivo xa xogou a fase en maio de 2008.