Cabecera Vide

Derrota do Xuvenil nunha accidentada xornada

A primeira hora do sábado comezou todo o problema para esta xornada de Superliga2 de voleibol feminino, ao recibir a xunta directiva do C.V. Xuvenil Teis unha chamada para informar de que o pavillón de Teis presentaba unha fina capa de auga na súa superficie que imposibilitaba a disputa da décima xornada de liga ante o Volley is Life Grupo 2008.

A partir de aí un montón de chamadas ao IMD de Vigo, para buscar outra instalación na que se puidese levar a cabo o encontro pero unha tras outras as instalacións municipais de Vigo ían pechando polas condicións meteorolóxicas adversas. As instalacións construídas hai anos non soportan un aumento de humidade e vana condensando na súa superficie, sendo imposible a práctica deportiva para a que foron deseñadas. Así a pista Vermella, o pavillón do Berbés e o pavillón de Teis quedaban inutilizadas para a práctica do voleibol, instalacións dotadas para o desenvolvemento do volebol. A única opción Coia.

Neste pavillón o equipo de superliga masculina C.V. Vigo, tamén disputaba o seu partido contra o Cajasol Juvasa e tras el un partido xuvenil. Todas as xogadoras de Teis e do equipo almeriense se trasladaron ata o pavillón de Coia e aí comeza outra odisea para xogar o partido de Superliga2. Buscando disputar o partido pronto posto que o equipo almeriense pasaba a noite en Lugo, para o domingo viaxar ata Avilés para xogar unha xornada adiantada. Tras outro anaco de conversacións co equipo xuvenil que viña dende Dumbría, para que puidesen quedar ata tarde xogando o partido.

Por fin ás 20:25, tras o partido de superliga masculina, comezou o encontro. E as xogadoras de Teis impuxeron o seu xogo, con defensas precisas ante os remates contundentes de Banguero, polo conxunto almeriense. Ao principio cun marcador apertado con contínuos empates. Nos dous tempos técnicos o equipo local colocábase por diante e tras vantaxes de catro puntos adxudicáronse o set por un claro 25-20, en 26 minutos.

Coa mesma duración o segundo set estivo decantado para o lado almeriense, aínda que nalgúns momentos se conseguían empates a contundencia dos remates das xogadoras visitantes fixeron que o set se fose para elas cun claro 16-25.

O terceiro set comezaba con ganas das locais para gañar o set, conseguindo empates nos puntos, cinco, nove e doce. Dous puntos máis tarde con vantaxe do C.V. Xuvenil Teis por 14-12, tras un magnífico xogo de equipo a desgracia pendeuse sobre a libre visitante María Sánchez. Nunha defensa choca contra unha compañeira golpeándose na cabeza e sufirendo unha conmoción. Detense o partido e tras a asistencia na cancha decídese chamar a unha ambulancia para que a trasladasen a un centro sanitario. Durante quince minutos detívose o partido, se xa comezara tarde outro contratempo. O partido continuouse, coa incorporación da segunda libre de Almería, e a vantaxe das locais foise diluíndo ata o final do set que foi 22-25 para as visitantes.

No cuarto set, parecía que as xogadoras de Teis se recuperaban e querían poñer o marcador con empate a sets estando por diante ata o punto 19 onde empataron as almerienses. Tras outro empate a 20 puntos, as visitantes tiraron de repertorio e neutralizaron os ataques de Teis para adxudicarse o set por un 22-25.

Por Teis xogaron: Lucía, Maragada, Rosana, Asia, Eva, Noe e Lorena como libre. Tamén xogaron Xulia, Natalia, Carmen e Mirella.

Polo Volley is Life grupo 2008 xogaron: Esquerdo, Aniorte, Banguero, Almeida, García, Pérez e como libre Sánchez. Tamén jugron López, Fontes, Barceló, Ruano e como segundo libre Díaz.

O bo da xornada é que todo o voleibol vigués se reuniu para pasar unha boa tarde de voleibol en Coia, ás 22:50 cando rematou o partido de Superliga2 comezaban a quentar os xogadores da seguinte quenda de partidos.