Campións

Imprimir

Dous equipos de superliga enfrontábanse para dilucidar quen dos dous sería Campión e quen Subcampión da Supeliga 2 da tempada 09-10. Os vigueses perderan en Sevilla contra Cajasol nos seus dous desprazamentos e en Vigo gañaran sempre por un apertado 3-2. Este último resultado faría campión aos andaluces mentres que os vigueses deberían vencer por 3-0 ou por 3-1.

Os xogadores de Flavio Calafell conxuráranse, durante a semana, que este encontro gañaría pola vía rápida e non deixarían que os seus rivais levasen o Campionato. E así foi xa que arrasaron na pista ao seu rival e non deixaron que fixese o seu xogo. Sempre se viron desbordados polos locais e isto posibilitou que levasen o partido e que os afeccionados puidesen gozar, dobremente, dun grande espectáculo e sobre todo de ver aos seus xogadores no mais alto.

O primeiro set comezou cos vigueses mandando no marcador con boas xogadas e sobre todo con grandes defensas. O parcial de 6-2 parecía que daba certa claridade aos locais, pero non foi así xa que os visitantes chegaron a empatar o set a 16 puntos. Igualdade ata o empate a 20 puntos e a partir dese momento os vigueses foron os que por crer en se mesmo leváronse este apertado primeiro parcial.

O segundo set comezou con mais igualdade que o anterior xa que soamente un punto separaba uns e outros 7-6. Pero eran os de Calafell os que non querían ter outro set tan apertado e o seu traballo, sobre todo na rede, facía estragos os ataques visitantes o que provocou que se lles fixese un parcial de 6-0. Co marcador con tanta diferenza os homes de Calafell non baixaron en ningún momento a garda e isto foi o que fixo que se levasen o set de forma moi clara.

O terceiro set comezou coa mesma igualdade que o anterior e ningún dos dous equipos se despegaba do seu rival. Os empates sucesivos levou o marcador ata un igualadísimo 9-8.Un tempo morto local fixo que os xogadores reaccionasen e despois de varias xogadas o marcador chegou a poñer con outro claro 18-12. Apertaron un pouco os visitantes pero xa se vía que serían incapaces de achegarse xa que o ritmo local non diminuía. Esa diferenza mantívose ata chegar ao final do set e do partido.

Final apoteósico no terreo de xogo e nas bancadas. Os afeccionados vitorearon aos seus xogadores que dende o campo saudaron a todos eles. Entrega de trofeos e unha vez que puido romper o protocolo os xogadores achegáronse ás bancadas a recibir o aplauso e cariño dos moitos seguidores que se achegaron a Coia.

Os vigueses fotografáronse cos dous Trofeos conquistados esta tempada, o de Campión da Copa Príncipe e o de Campión da superliga 2, é dicir que fixeron dobrete e desta forma entran na Historia do Voleibol vigués e nacional.

Fotografías con seguidores, ex xogadores, familias, etc puxeron un final feliz a unha tempada chea de altibaixos, no deportivo, pero onde se cumpriron os obxectivos. O apartado económico queda de momento en segundo plano, aínda que nos imaxinamos que dende a Xunta Directiva dende xa se empezará a traballar de cara á seguinte tempada. Teñen dous meses, escasos, para conseguir reunir un os ingresos necesarios para poder cubrir un presuposto que lles permita chegar á máxima categoría sen as angustias que pasaron e pasan esta tempada que tan feliz finalizou no aspecto deportivo.

Todos os afeccionados esperan e desexan que os directivos consigan canto antes o seu propio obxectivo económico xa que os vimbios están case postos para que no deportivo se sigan obtendo mais éxitos.

CLUB VIGO 3 CAJASOL JUVASA 0
Parciais; 25-22 (27m.) 25-15 (21m.) 25-18 (21m.)
VIGO; Sánchez; Branco; Benassi; Guidolin; Díaz e Mahia. Libre Regueiro. Tamén xogaron; Galego; Justiniano; Zayas e Tey.
CAJASOL; Morata; Pezuto; Dá Silva H.; Dá Silva C.; Nassini e Santos: Libre Veiga. Tamén xogaron; Justiniano e Segura.
Árbitros; Mederos e Pérez. Ben
Pavillón de Coia. 400 espectadores
Incidencias: Entregaron os trofeos de Campión e Subcampión o Concelleiro do Concello de Vigo, Xavier Alonso e o Deputado Provincial de Deportes José Enrique Sotelo.