Cabecera Vide

O C.V. Vigo ascenderá á Superliga de gañar o sábado ou cunha derrota por 2-3

vigovoleibol1.2.10O Club Voleibol Vigo xoga este sábado no pavillón de Coia a penúltima xornada da fase de ascenso na Superliga 2. O conxunto que adestra Flavio Calafell ten opcións de facer dobrete esta tempada: se gaña os dous encontros en casa será campión, co que sumaría ao título obtido na Copa Príncipe de Asturias o campionato regular, xa que o líder Cajasol, que visita Vigo a última xornada, unicamente avantaxa aos vigueses nun punto.

No que se refire ao ascenso, que é xa virtual tras o golpe de man dado polos vigueses o fin de semana pasado, podería producirse de forma matemática este mesmo sábado cun triunfo local, sexa cal for o resultado final, e ata cunha derrota por 2-3 (un 1-3 non valería), que daría aos vigueses un punto e dous ao seu rival, segundo o sistema de puntuación asumido este ano pola RFEVB.

O Vigo prepárase para o partido que comezará ás 18:00 horas. Sería o segundo ascenso en tres anos, e de novo obtido tras unha soa tempada no “inferno” da segunda categoría do voleibol español.