Grande paso adiante do Vigo Voleibol

Imprimir

Había moito temor a este desprazamento xa que nas dúas últimas visitas dos vigueses a Castellón perderan de forma clara. A estes antecedentes debemos engadir que na noite do xoves lle comunican ao xogador vigués Jorge Silva o falecemento do seu irmán en accidente de coche e saíu a primeira hora do venres a Caracas.

 Era unha baixa importante xa que dende a súa chegada participara de xeito moi activo nos tres encontros que puido xogar. Isto podía minguar as posibilidades dos xogadores, no aspecto moral e no técnico, de Flavio Calafell, pero non foi así xa que en Castellón deron un grande paso cara ao obxectivo final. Por outra parte dicir que Almoradi venceu na casa a Cajasol por 3-0 o que significa que os vigueses seguen segundos pero a un só punto dos primeiros pero coa vantaxe de que os dous últimos encontros se disputarán na nosa cidade.

O primeiro set xa comezou con vantaxes dos vigueses que non querían mostrase como perdedores e entraron no partido dende o principio. As diferenzas aumentaron a tres puntos, que foi a máxima que tiveron os vigueses no seu marcador, pero sempre por diante o que demostraba que loitarían polo partido. Despois de varios balóns atacados con forza e dous balóns ben bloqueados os vigueses fixéronse co primeiro parcial.

Non acostuman os xogadores de Calafell a manter o ritmo de comezo de partido durante moito tempo pero aquí sabían o que se estaban xogando e loxicamente non querían perder a oportunidade de gañar e ademais de levar os tres puntos. Non apareceu a relaxación e o set foi moi similar ao anterior pero con algunha diferenza mais ampla da do primeiro set. Pasouse do primeiro tempo técnico 6-8 ao segundo con catro puntos 12-16. A partir dese momento dedicáronse a manter o seu saque para finalizar vencendo no segundo set.

Xa traballaran bastante e tiñan un punto na súa cuadrícula que xa non escapaba e querían os tres puntos. Os locais debían ir a remolque nunha situación difícil xa que terían que remontar dous sets, algo moi complicado, sobre todo pensando en como estaban a xogar os vigueses que lles recordaba o equipo que disputou, en Castellón, a Copa Príncipe de Asturias. De tódolos xeitos este terceiro set foi o mais disputado xa que dende o principio a igualdade se foi marcando nos algarismos e ningún dos dous equipos conseguía marchar do seu rival. Foron os locais que con dous bos ataques do seu oposto Bacci remataron un set moi disputado e cun marcador moi igualado.

O cuarto set tería que ser o da vitoria definitiva xa que Calafell non se quería deixar sorprender e os seus xogadores tampouco. Había que seguir loitando ao máximo de posibilidades e sobre todo seguir mantendo o ritmo dos primeiros sets do encontro. E así foi xa que mentres os vigueses mantiñan o ritmo e nalgunhas ocasións o aumentaban, os locais empezaban a virse abaixo, sobre todo vendo a superioridade do equipo visitante. Desta forma de dun xeito definitivo arrasaron aos seus rivais e véñense a Vigo cunha grande vitoria que lles achega mais ao ascenso.

A próxima fin de semana visita a nosa cidade o Almoradí, equipo que venceu onte a Cajasol e que os tres encontros que disputou esta tempada contra os vigueses os saldou con tres derrotas. Isto non di nada xa que os vigueses deben seguir traballando de cara a conseguir ese ansiado ascenso que podería producirse este próximo sábado ás 18,00 horas en Coia ante o equipo alicantino ao que se se vence xa se estará matematicamente na máxima categoría.

LILLA I GRAU 1 VIGO VOLEIBOL 3
Parciais; 22-25 (26m.) 20-25 (27m.) 26-24 (29m.) 18-25 (24m.)
Lilla i Grau; Salinas; Bouchdouk; Bacci; Baldissera; Domínguez e Navarta. Libre Alfaro. Tamén xogaron: Herrera e Kukarsev.
CLUB VIGO; Sánchez; Benassi; Branco; Guidolin; Diaz e Mahia. Libre Regueiro. Tamén xogaron; Zayas, Tey, Galego e Justiniano.
Árbitros: Alcaraz e Martínez. Ben
Pavillón Pablo Herrera: 300 espectadores