magopeO Magope Seis do Nadal-COIA desprázase este sábado (19 horas) a Coruña para disputar ante o BM. Artabro Novo Mesoiro o primeiro partido da segunda volta, un treito da competición que segundo o seu adestrador afrontan “co reto de mellorar os 21 puntos da primeira”. 

E o desta xornada é un choque a priori propicio para traerse os dous puntos xa que os vigueses visitan a cancha do antepenúltimo clasificado, ao que xa golearon esta tempada en Coia (43-19). Así o recoñece Jorge Fernández que, do mesmo xeito, xa advertiu aos seus xogadores do perigo de caer nun exceso de confianza; “debemos pensar en ir coa idea de traballar a vitoria e non pensar que xa se gañou antes de viaxar”.
O plantel afronta o choque coa moral a lume de biqueira, tras a vitoria acadada ante o Carballal e coa ilusión de seguir escalando posicións na clasificación. “A posibilidade de acabar cuartos, á espera de recibir ao Xiria, débenos servir de motivación”, asegura o técnico local.