O Club Vigo finaliza quinto no nacional xuvenil

Imprimir

Finalizou, en Almería, o Campionato de España xuvenil masculino onde estivo a participar como representante de Galicia o Club Vigo Voleibol como Campión da tempada 14-15. Á cidade andaluza desprazáronse os mellores 24 equipos de España da categoría e disputaron un campionato que ten na súa organización deportiva unha dos defectos de forma que pode obrigar a un equipo, como o vigués, a clasificarse quinto perdendo un só encontro dos oito disputados.

Os vigueses estaban incluídos nun dos grupos mais difíciles do campionato. No estaban o Campión e subcampión da tempada pasada, así como o sexto tamén da pasada campaña. Xogábase todos contra todos e pasaban á seguinte rolda os dous primeiros de cada grupo. Asi os vigueses pasaron como campións invictos desta primeira fase. Unha segunda fase onde estaban tres equipos que disputaría encontros todos contra todos. Nesta ocasión perderon contra Valladolid por un apertado 3-1 e con parciais moi axustados. Venceron a Soller por un claro 3-0. Todo iso significou que ao perder con Valladolid os vigueses deben disputar un posto final entre o 5º e o 8º. Desta forma os vigueses enfrontáronse o sábado pola mañá a Xátiva ao que venceron por un claro 3-0 e pola tarde tiveron un rival moi complicado, Andorra, ao que venceran na primeira fase por un apertado 3-2. Nesta ocasión os vigueses venceron claramente por 3-1 e finalizaron a súa participación nesta Campionato de España.

En definitiva, os xuvenís vigueses fixeron un bo papel e mellor faríano de non mediar a organización de grupos de forma dirixida, algo que prexudica mais do que beneficia aos distintos equipos participantes.

Desta forma finalizan a tempada os novos xogadores vigueses despois de realizar un bo papel en superliga 2 e de destacar neste Campionato de España. Moito mais que satisfeitos quedan os directivos e técnicos do Club polos bos resultados, sobre todo dos equipos das distintas categorías base, e moi pronto empezarán a pensar na tempada 15-16.

Para o Club quedan as categorías mais pequenas que finalizan as súas competicións a finais deste mes de maio onde alevín e benxamins farán gozar da súa aprendizaxe ao longo da tempada.