Cabecera Vide

O Club Vigo venceu o G.C. Vilacondense

vigoO pasado martes celebrouse un encontro amigable en Vila do Conde (Portugal) entre o equipo local e o Club Vigo e que finalizou coa vitoria dos vigueses por un claro 1-3. Os parciais do encontro foron: 19-25 (23m.) 25-19 (25m.) 20-25 (26m.) 27-29 (28m.).

Os xogadores vigueses disputaron un bo encontro, xa que foi o primeiro que disputaron nesta pretempada, que o facían contra o equipo que se clasificou sexto na pasada campaña, na máxima categoría, e que xa leva varios encontros disputados. Tamén en Portugal utilizan outro balón distinto ao que se utiliza en España polo que a diferenza podería ser maior.

O técnico vigués, Flavio Calafell, estaba satisfeito, despois do encontro, do rendemento dos seus xogadores xa que esta tempada o cambio no equipo vigués foi moi grande e sempre se necesita tempo para adaptar as novas incorporacións.

Salvo no segundo set, onde os vigueses se relaxaron en exceso, o que motivou a derrota neste parcial, nos demais souberon levalos con certa tranquilidade e sen excesiva presión. Sempre sabían remontar nos erros e puntuar nas boas accións. Todos os xogadores vigueses destacaron pola súa entrega e sobre todo pola súa regularidade o que supuxo que durante o encontro non houbese moitos altibaixos no rendemento de cada un deles. Cada xogador cumpriu nas súas funcións e destacaron todos eles no labor defensivo. Os ataques e bloqueos con xogadores como De la Fuente, Canca, Aschemacher ou Santiago Álvarez, que superan case todos os dous metros de estatura, xunto a Salinas, Sánchez, Dus ou Parga que achegan o seu saber estar na cancha, fan pensar en que a tempada pode ser exitosa no aspecto deportivo.

Ante un equipo curto en efectivos senior o técnico vigués aproveitou para incorporar a algún xogador de categoría cadete, facendo se debut cos xogadores de superliga en novo Penedo que cumpriu no seu labor.

As noticias que se coñecen nos medios, sobre a situación económica do Club, non causan efecto nos xogadores e saben separar unha situación que esperan que sexa temporal, co rendemento na cancha. Polo visto en Portugal e salvando as dúas primeiras xornadas de liga onde xogan contra Teruel e Almería, todos esperan que este sexa un ano para non sufrir no aspecto deportivo.

Os vigueses recibirán a visita do Vilacondense o próximo mércores, día 28 ás 20,30 horas no Pavillón de Coia onde se disputará o Trofeo Cidade de Vigo, na súa edición número 38 e que servirá, tamén, como presentación a todos os afeccionados vigueses ao noso deporte.

Calafell quere ter os xogadores mais rodados e este próximo sábado disputará outro encontro en Santiago de Compostela ante o EMEVE de Lugo.