Cabecera Vide

Uorsa Vigo como premio a Copa do Rei

ascensovigovoleibolComo peche final dunha tempada importante para o Uorsa Vigo, terán a partir desta tarde ás 20,00 horas, o primeiro encontro da Copa do Rei que lles enfrontará, novamente, a Vecindario de Las Palmas no Pavillón Municipal de Santa Lucía.

Un ano que tivo varios altibaixos, onde o primeiro equipo do Uorsa Vigo encarou a primeira volta da competición cun único obxectivo deportivo e que non era outro que manter a categoría e que se cumpriu. Durante esta parte da competición venceron equipos considerados superiores tanto en presuposto coma en equipo pero os homes de Calafell non se amilanaron e foron sumando puntos que lles permitiron na segunda parte vivir case de rendas nunha competición moi difícil.

Os acontecementos aparecidos despois do descanso navideño deron ao traste coas ilusións dos vigueses e marcaron unha etapa con dificultades e apremados polos puntos dependeron doutros resultados para manter a categoría. A marcha do receptor Chaso, a lesión de Romeral e a indisposición de Regueiro deixaron un Uorsa Vigo moi minguado á hora de afrontar encontros que co equipo completo poderían resolver de xeito positivo.

Chega agora a posibilidade de gozar, como premio, dunha competición á que había dez anos que non se achegaban e que nesta ocasión ten moito mérito pola transcendencia que ten para l equipo e sobre todo para o ámbito do Club.

Esta tarde o encontro repite rival da última xornada de Liga e non é outro que Veciñanza, organizadora da Copa, e que se meteu na disputa dos play-off polo título. Os vigueses queren gozar desta competición e sairán a disputar o encontro sabedores do moito que xoga o seu rival, e sen ningún tipo de presión. Xa está totalmente recuperado Eduardo Arroyo e o que queda do equipo está preparado para este encontro.

O pasado sábado o resultado foi dun claro 3-0 para os insulares pero nel o técnico Calafell tivo que realizar varios cambios de posicións debido ás baixas que nese momento tiña. Agora coa recuperación de Regueiro ten máis posibilidades de facer fronte ao seu rival.

Vecindario presentará o seu sexteto de gala e non quererá que lle escape unha posibilidade de finalizar esta competición cunha vitoria.

Campionato de España junior

Ao mesmo tempo que comeza a Copa do Rei para os xogadores de superliga, comeza a final do Campionato de España Junior que tamén se disputa en Veciñanza. A expedición viguesa saíu onte con destino a As palmas. Os dez xogadores ás ordes de Adrián Dezzutti están moi ilusionados por esta participación e sobre todo é un premio ao seu traballo ao longo desta tempada. Esta expedición está formada por xogadores moi novos que son a base dun traballo que se vén facendo dende hai anos coas categorías base.

A competición durará ata o sábado ás 16,30 horas e nela participan 24 equipos pertencentes aos mellores clubs de España de superliga 1 e superliga 2.

É curioso que malia as dificultades polas que atravesa o Voleibol vigués cada tempada que pasa se seguen conseguindo éxitos deportivos que deixan moi claro o traballo na canteira e a filosofía do Club que se seguen mantendo dende a súa fundación.

O grupo no que participan os nosos representantes está formado polos equipos: Lílla i Grau de Castellón, multicaja Fábregas de Zaragoza, Palma Volei de Palma e o Vigo Uorsa.

Os encontros da categoría junior comezan esta mesma mañá en que se enfrontarán os vigueses ao representante de Castellón para seguidamente ás 16,30 horas enfrontarse a Palma e mañá, xoves ás 11,00 horas enfrontaranse a Zaragoza. Con estes encontros finalizaría o que sería a primeira fase para posteriormente formar constituír grupos formados polos dous primeiros e os dous segundos destas primeiras formacións.