A Superliga de voleibol comezará o 23 de outubro e o C.V. Vigo fará o seu debut en Coia

Imprimir
cprincipe16O Club Vigo Voleibol comezará a Superliga na súa casa, o pavillón de Coia, o vindeiro 23 de outubro, e rematará a competición tamén en Coia o 26 de marzo na xornada 22 contra o Barça. No seu regreso á máxima categoría, a escuadra que dirixe un ano máis Flavio Calafell retorna coa bitola de conquistar Liga e Copa na Superliga 2.

Agora, e ao contrario que hai dous anos, o primeiro equipo do club xogará máis partidos en casa na segunda volta da competición (seis) que na primeira volta (cinco). A Superliga mantén o formato dos últimos anos con doce conxuntos inscritos. Baixaran o Multicaja zaragozano e o Tenerife Sur, pero a desaparición de Murcia e Puerto Real deulles unha nova oportunidade.

O Vigo recibirá na data inaugural a un clásico do campionato, o Palma, cuarto o ano pasado. Pensando na batalla pola permanencia, na segunda xornada, o 30 de outubro, o sexteto galego visitará ao Cajasol Juvasa sevillano, o outro ascendido hai uns meses da Superliga 2. Na primeira volta recibirá moi pronto aos dous descendidos do ano pasado, o Multicaja (xornada 3, 3 de novembro), en partido entre semana, e Tenerife Sur (xornada 5, 13 de novembro). Na segunda volta, o primeiro equipo do club que preside Guillermo Touza medirase en Coia ao Cajasol (22 de xaneiro) e ao Caravaca (xornada 18, 19 de febreiro), antepenúltimo clasificado na Liga 09/10.

O vixente campión da Superliga, CAI Teruel, non chegará a Galicia ata a vixésima e antepenúltima xornada, o 12 de marzo. O campión de Copa, Unicaja Almería, presentarase en Vigo neste ano, o 4 de decembro, na oitava xornada da fase regular.

Calendario Superliga (28.38 kB)