O MasVisión Amfiv B despídese cunha derrota por culpa de un nefasto terceiro cuarto

Imprimir

O MasVisión Amfiv B pechou a tempada cunha dura derrota na cancha do CAI Zaragoza (56-21) por culpa de un nefasto terceiro cuarto no que un parcial de 24-1 acabou coas esperanzas viguesas de concluír a campaña do seu histórico debut cun triunfo. O conxunto de Natxo Cabaleiro xa mostrara moitos problemas para atacar a agresiva defensa local no primeiro cuarto pero, polo menos, conseguira manter tamén controlado o ataque maño, evitando que o CAI puidese correr e anotar con comodidade.

Así, a pesar dos escasos catro puntos conseguidos nos dez minutos iniciais, o MasVisión Amfiv B mantiña as súas opcións de pelexar polo partido (12-4).

De feito, a boa defensa visitante seguiu funcionando nun segundo período no que, ademais, os vigueses afinaron un pouco máis o seu ataque para facerse coa vitoria parcial por un axustado 9-1, marchando ao descanso coa sensación de que podía competir pola vitoria (21-14, min.20).

Non obstante, esa posibilidade esfumouse totalmente a reiniciarse o encontro tras o descanso. O MasVisión Amfiv B acumulou balóns perdidos e erros no lanzamento nun terceiro cuarto desastroso, tirando por terra todo o bo traballo anterior. O demoledor parcial de 24-1 encaixado acabou co partido (45-15, min.30) e converteu o último cuarto nun trámite no que os novos xogadores vigueses seguiron acumulando minutos e experiencia para tratar xa a próxima tempada de sumar o seu primeiro triunfo en partido oficial.