MasVision Amfiv BO MasVisión Amfiv B volveu a rozar coa punta dos dedos o seu histórico primeiro triunfo pero, unha vez máis, o filial vigués volveu pecar de inexperiencia nos instantes finais de partido ante un Bera Bera (52-56) que soubo aproveitar os erros locais para facerse con la vitoria.

O conxunto de Natxo Cabaleiro, como xa acontecese a pasada xornada en Zamora fronte ao Orto Tres Cruces, pelexou durante todo o choque e non deu o encontro por perdido en ningún momento, conseguindo mesmo se sobrepoñer a un mal terceiro cuarto que supuxo iniciar os dez minutos decisivos cunha desvantaxe de oito puntos (36-44, min.30).

Ata ese momento, o encontro estivera moi igualado, cos donostiarras máis inspirados no inicio pero cun MasVisión Amfiv B que pronto foi capaz de axustar a súa defensa sobre Cabrero e Olasagasti para equilibrar de novo o choque. De feito, só os fallos en posicións claras para anotar propiciaban que ao descanso chegase por diante no marcador o Bera Bera (26-29, min.20).

Esa dinámica acentuouse nun terceiro período no que as perdas de balón por precipitacións e varios contragolpes desperdiciados permitiron aos visitantes abrir interesantes diferenzas que parecían case definitivas nun encontro tan equilibrado (32-42, min.25).

Non obstante, os vigueses apertaron os dentes en defensa no último parcial e afinaron en ataque para, pouco a pouco, engancharse de novo ao partido (42-46, min.34; 46-48, min.36). Pero no momento de culminar a remontada faltou o acerto necesario permitindo ao Bera Bera revivir (46-54, min.39) e asestar, agora si, un golpe decisivo ao partido a pesar dun último intento dos locais que chegaron a poñerse a só dous puntos a 17 segundos para a conclusión (52-54). Desafortunadamente, Olasagasti non fallou dende a liña de tiros evitando calquera posibilidade de que o MasVisión Amfiv B puidese pelexar pola vitoria ou por, polo menos, buscar a prórroga.