O Celta Baloncesto sumou o seu segundo triunfo da tempada ante o Badajoz (48-63), Cristina Loureiro, con 21 puntos, e Laura Alonso, con 16, lideraron a vitoria das viguesas. Esta semana xogara a domicilio frente a Ciudad de los Adelantados.

O de xogar en sesión vermú non lle sentou ben ao Xuvenil Teis, que anotou outra derrota por 3-0 ante o que ata o sábado era o último clasificado do grupo A de Superliga2 feminina, o Planeta Palombina La Curtidora. Esta semana, as de Teis fan dobrete na casa, xogarán sábado ante o Torrelavega, ás 18.15 h., e o domingo, en partido adiantado, ante o Soria, ás 12 h.

O Club Vigo perdeu 2-3 en Coia fronte ao CV Leganés, que non gañara ningún partido ata a data. Os vigueses suman a súa cuarta derrota consecutiva. O sábado enfrontarase ao Náutico Boiro Voleibol na súa cancha.

O Amfiv volveu caer esta vez en Valladolid, ante o Fundación Grupo Norte (61-58). Os vigueses complican o seu futuro e din case adeus á fase polo título. Esta fin de semana reciben ao CD Ilunion, o encontro será o sábado 28, ás 19 h. no Pavillón de Bouzas.

Con problemas para configurar a expedición que se desprazou a terras vascas, o Blusens Networks Universidade de Vigo, caeu novamente en partido de liga, neste caso no da primeira xornada, aprazado polo problema do seguro federativo, ante o Durango Nissan Gaursa RT (12-0). Á espera de recibir a Aparejadores de Burgos, os vigueses sitúanse na táboa con 11 puntos que o colocan na décima posición, con 5 derrotas en 7 partidos. O encontro xogarase o domingo 29, ás 12 h. en As Lagoas.

No Pavillón de Bembrive houbo reparto de puntos entre o CD Mosteiro Bembrive FS  e o Guardo FS (2-2). Os vigueses manteñen a quinta posición na táboa de clasificación e viaxarán esta fin de semana a terras castelás para enfrontarse ao CD Universidad de Valladolid.

El Olivo goleou con facilidade ao Milagrosa de Lugo (7-1) e manten o pleno de vitorias no que vai de tempada. Continúa primeiro a seis puntos do Friol. Esta fin de semana haberá parón ligueiro na Segunda División de fútbol feminino e as olívicas xogarán un partido benéfico ante o Sárdoma, no Campo de As Relfas. O encontro xogarase o domingo 29, ás 12.15 h. 

Academia Octavio caeu en Travesas ante o Bidasoa (15-31) nun partido onde os vigueses protestaron pola actuación arbitral. Os de Jabato continúan en postos de descenso e viaxarán esta semana a Málaga para enfrontarse ao Meridiano Antequera na que será a undécima xornada de Liga.