O australiano Rod McPherson incorpórase ao primeiro equipo do Amfiv

Imprimir

amfiv rodCésar Iglesias teñe dende xa a un novo xogador á súa disposición de cara ao inminente inicio da tempada na División de Honra, este sábado ás 19.00 horas no Pavillón de Bouzas, onde o Amfiv se medirá ao Fundación Grupo Norte de Valladolid na xornada inaugural do campionato.

Porque o australiano Rod McPherson completará o equipo dun conxunto vigués que xa se daba por pechada pero que se atopou a última hora con esta inesperada incorporación.

"A verdade é que se trata dunha situación moi curiosa e que nunca se nos formulara antes. De feito, non coñezo ningún caso semellante. Tiñamos o equipo xa pechado e feito coas renovacións dos xogadores da casa e as fichaxes de Zavala e Podnieks porque, ademais, a nosa economía non nos permitía pensar en nada máis, especialmente este ano no que pola creación do equipo filial tivemos que reducir gastos no primeiro equipo. Non obstante, púxose en contacto connosco Agustín Alejos, ex xogador do Amfiv que actualmente se atopa vivindo en Australia, para falarnos do caso de Rod e aquí témolo. Listo para debutar o sábado ante Valladolid se César o considera oportuno", explica José Antonio Beiro, presidente do conxunto vigués.

A realidade é que a contratación do australiano non é, nin moito menos, unha fichaxe ao uso. "Agustín expúxonos que tiña un compañeiro de equipo, un xogador clase 2,5 bastante alto, rápido e listo xogando, que estaba moi interesado en vivir a experiencia de xogar en Europa e que lle preguntara moito por Vigo e o Amfiv. Nós comentámoslle a nosa situación económica e que, por ese motivo, xa dabamos o equipo por pechada. E a sorpresa foi maiúscula cando nos responderon que o propio McPherson estaba disposto a facerse cargo de todos os gastos de desprazamento e manutención, billetes de avión de Australia a España incluídos, con tal de que lle désemos a oportunidade de probarse e ver se tiña calidades para poder disputar unha liga tan esixente como a española", puntualiza o máximo mandatario do Amfiv, quen incide en que "case non podiamos crelo ata que o vimos chegar a Peinador".

Evidentemente, as referencias sobre McPherson, máis alá dos eloxios de Alejos, eran moi escasas e, por iso, o club vigués mantiña as súas dúbidas sobre se tería oco no primeiro equipo ou tería que xogar finalmente no MasVisión Amfiv B. A incerteza despexouse case no seu primeiro adestramento co equipo. "Aínda ten que adaptarse á cidade e ao grupo pero polo seu carácter extrovertido e a súa intelixencia xogando non cremos que teña demasiados problemas. Vai achegarnos cousas interesantes ademais doutra opción de rotación máis pola súa puntuación. Por iso, decidimos xa que se incorpore directamente o primeiro equipo", resalta José Antonio Beiro.

Desta forma, César Iglesias conta cunha nova peza que adaptar a marchas forzadas a un equipo que debutará este mesmo sábado na División de Honra co hándicap de non poder disputar máis que un encontro de pretempada. "É seguro que o imos notar pero intentaremos paliar ese posible déficit de ritmo respecto aos nosos rivais con outros argumentos. As circunstancias son as que son e temos que asumilas. Estamos seguros de que o noso equipo irá a máis co paso dos partidos pero tamén confiamos en que o nivel do cinco para cinco dos nosos adestramentos nos permita plantar cara nestes primeiros encontros", finaliza o presidente do Amfiv.