Cabecera Vide

Un Bilbao máis rodado confirma que o Amfiv ten aínda traballo por diante

amfiv bilbaoA quince días para o comezo oficial da tempada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, o Amfiv pechou a pretempada cunha construtiva derrota (69-81) ante un dos seus futuros rivais no Grupo 1, un Bilbao BSR que para esta campaña se reforzou co norteamericano Joshua Turek para tratar de pelexar polos títulos en xogo.

Os vigueses, que por motivos económicos só puideron disputar dous encontros de preparación, o celebrado o pasado 12 de setembro ante o Basketmi con motivo da Copa de Galicia, e este ante o Bilbao BSR, evidenciaron a comprensible falta de ritmo e os desaxustes propios deste período da tempada. Pero tamén mostraron apuntamentos do que poden ofrecer esta campaña os pupilos de César Iglesias, con fases de bo xogo ante un equipo con xogadores moi altos e que será un complicadísimo rival na liga.

Ante a ausencia do internacional español Asier García por lesión, a nova incorporación bilbaína, Joshua Turek, asumiu de inicio o mando e converteuse na principal referencia ofensiva dos visitantes, aínda que moi ben secundado por Amadou Diallo, que grazas á súa corpulencia e envergadura creaba moitos problemas aos locais en posicións próximas ao aro. Por iso, as primeiras vantaxes foron bilbaínas (4-9, min.5; 6-11, min.7) ata que a entrada en pista de Txema Avendaño e Berni Costas aumentou a produción ofensiva dun Amfiv que pechaba o primeiro cuarto con boas sensacións (14-15, min.10).

A positiva dinámica mantívose ao comezo do segundo período, co conxunto de César Iglesias contendo moito mellor a Turek e Amadou e, ademais, coas dúas novas incorporacións viguesas, o letón Karlis Podnieks e o mexicano Salvador Zavala, achegando en ataque para establecer a súa máxima renda do choque (28-23, min.15).

Non obstante, cando mellor pintaban as cousas, o Amfiv sufriu unha desconexión de cinco minutos, especialmente grave no minuto antes do descanso, no que encaixou un parcial de 0-9 con sete puntos consecutivos de Mouriz. A defensa local perdeu intensidade e colocación e ese desconcerto atrás notouse tamén en ataque, onde xa non había fluidez nin opcións claras e si desacerto e balóns perdidos. Con este panorama, a diferenza a favor dos vascos foise incrementando pouco a pouco ata alcanzar o 32-42 co que se chegou ao intermedio.

A reacción dos pupilos de César Iglesias non chegaron despois do descanso. Turek seguía sendo un constante rompedeiro de cabeza para a defensa viguesa, incapaz de conter a súa produción ofensiva. Pola contra, o ataque local converteuse neste tramo do encontro en excesivamente estático e espeso, sen atopar tiros claros e, por se fose pouco, os escasos que se conseguían non querían entrar. Así, outro parcial de 0-8 a favor do Bilbao BSR levaba o marcador do 36-48 do minuto 23 ao 36-56 do minuto 27.

O Amfiv non baixou os brazos e intentou pelexar aínda polo triunfo pero continuaba concedendo demasiadas facilidades en defensa para que a súa aposta fose real. Ademais, no momento no que máis apertaron os locais (55-69, min.34) apareceu David Mouriz con dous triplos consecutivos para sufocar o intento e levar a diferenza de novo ata os vinte puntos (55-75, min.36). O partido estaba xa completamente decidido pero César Iglesias aproveitaron para continuar probando cousas, facendo axustes e ver en que debe mellorar estes quince días o seu equipo para afrontar do mellor xeito posible a estrea ligueiro do próximo 17 de outubro en Bouzas ante o Fundación Grupo Norte.