O mexicano Zavala e o letón Podnieks completan o equipo do Amfiv para a nova tempada

Imprimir

KARLIS 1César Iglesias e Óscar Carbajo iniciarán de forma oficial hoxe martes, ás 21.00 horas no Pavillón de Bouzas, os adestramentos de pretempada e farano co equipo completamente pechado despois de que nas últimas horas se concretasen as fichaxes do mexicano Salvador Zavala, un xogador clase 4, e o letón Karlis Podnieks, un xogador clase 1,5, as dúas incorporacións necesarias para apuntalar o equipo tras a renovación do bloque de xogadores da casa.

A operación de Zavala, grazas á súa total predisposición para recalar no Amfiv, estaba moi ben encamiñada dende fai xa varios días pero quedaban por concretar algúns puntos, que finalmente se solucionaron e o internacional mexicano atópase xa na cidade para poñerse o antes posible ás ordes do corpo técnico vigués. O acordo con Podnieks, co que xa se mantiveran contactos hai dúas tempadas, foi igualmente sinxelo. Unha vez decidida a puntuación funcional do xogador que se quería incorporar e presentadas as posibilidades a César Iglesias, este non dubidou á hora de elixir o xogador letón polas súas condicións físicas, a súa capacidade para desenvolver distintas funcións e a súa marxe de mellora ao tratarse dun xogador de apenas 25 anos.

Podnieks, pola súa banda, respondeu afirmativamente con rapidez á oferta que lle presentou o Amfiv a pesar de que o seu anterior equipo, o Goldmann Dolphins Trier alemán, co que a pasada campaña gañou a Copa André Vergauwen, apostaba forte para mantelo nas súas filas. A posibilidade de disputar a Liga española e os bos informes que os seus compañeiros e amigos lle pasaron do Amfiv e de Vigo foron básicos para aceptar unha proposta sensiblemente menor no capítulo económico. De feito, se non hai ningún problema de última hora cos voos, espera mesmo a súa presenza este martes na primeira sesión de adestramento.

Unha sesión de adestramento na que haberá outras dúas caras novas e na que tamén haberá dúas ausencias. Porque ata o próximo luns non se incorporarán ao grupo Txema Avendaño e Vicky Alonso, despois de finalizar este pasado domingo a súa participación no Campionato de Europa en Worcester (Gran Bretaña), onde lograron ambos os dous a quinta praza aínda que con distinto premio xa que para os rapaces supón a clasificación para os Xogos de Río 2016 mentres que as rapazas quedaron ás portas de selar tamén o seu billete. Mentres, si estarán este martes as outras dúas novas incorporacións do Amfiv para esta tempada.

Por unha parte, Noe Duarte, procedente do Celta feminino no que coincidiu con César Iglesias, incorpórase ao corpo técnico do conxunto vigués asumindo as funcións de preparadora física. Por outra, o ferrolano Adrián Lorenzo segue os pasos do seu irmán menor Manu e recala no conxunto vigués, aínda que no seu caso tras defender a pasada campaña a camiseta do CAI Promesas e, en principio, con ficha no recén creado conxunto filial do Amfiv pero adestrando igualmente co primeiro equipo, co que podería mesmo disputar algúns partidos.

"Para nós é unha enorme satisfacción conseguir que dende o primeiro día de traballo estea o grupo ao completo e que os dous únicos xogadores que faltan sexa porque están a obter éxitos coa selección española. A fichaxe de Zavala vainos dar un enorme salto de calidade porque é un xogador dunha capacidade anotador contrastado, sempre entre os máximos anotadores da Liga española nas dez últimas tempadas. A súa presenza achega unha maior variedade de recursos en ataque e permitirá a outros xogadores como Berni Costas ou Lorenzo Envó gozar de máis espazos xa que as defensas non poderán centrarse só neles. Podnieks apunta moitas cousas moi interesantes pero agora hai que ver como se adapta ao grupo, á cidade e á competición. Nunha liga esixente como a alemá xa demostrou as súas capacidades e, ademais, é novo, leva pouco tempo practicando o baloncesto en cadeira de rodas e ten moitas ganas de mellorar e aprender", explica o presidente do Amfiv, José Antonio Beiro, quen se mostra igualmente contento pola "incorporación ao corpo técnico de Noe. É un rapaz moi creativo, con moitas ideas e unha implicación tremenda. Creo que nos pode axudar moito a crecer nun aspecto tan importante como a preparación física porque achega moita enerxía e, aínda que aínda está a aterrar e comprobando que se pode facer e que non, pronto notaremos os resultados.

Por último, a incorporación de Adrián para o filial é unha aposta de futuro. A pasada campaña, antes de que marchasen ao CAI Promesas, xa falaramos con el e esta, despois de ver a tremenda evolución do seu irmán aquí no Amfiv non tivemos case nin que sentar a falar a pesar de que contaba con ofertas de equipos de División de Honra como o Mideba".