O internacional polaco Karol Szulc reforza o xogo interior do Amfiv

Imprimir

karolO Amfiv traballa xa intensamente dende hai varios días ás ordes de César Iglesias e Óscar Carbajo para preparar o seu debut ligueiro unha campaña máis na máxima categoría nacional o próximo 11 de outubro en Almería, na cancha dun recén ascendido á División de Honra como o Cludemi. A esa pretempada unirase dende onte mesmo un novo xogador posto que a dirección deportiva do Amfiv pechou a incorporación do novo e prometedor internacional polaco Karol Szulc.

Xogador clase 4,5 de apenas 21 anos aínda que cunha ampla experiencia en Italia e en Alemaña e que a pasada campaña se proclamou campión de a Copa André Vergauwen co Oettinger RSB xermano. Non será o último en chegar ao conxunto vigués esta tempada dado que José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do Amfiv, ten tamén xa moi avanzadas as negociacións para incorporar a outro xogador co que xa si que, salvo movementos de última hora, se pecharía por completo o equipo para a tempada 2014-2015.

"A nosa primeira intención era traer de volta a Vigo a outro xogador polaco, Dominik Mosler xa que completara unha campaña excelente en Francia no Meaux, xogando mesmo a fase final da Copa de Europa. Él desexaba volver ao Amfiv e nós quedaramos moi contentos da súa etapa aquí e, ademais, a súa progresión invitaba a crer que o seu rendemento podía ser aínda mellor. Non obstante, un desgraciado accidente sufrido pola súa muller obrigoulle a quedar na casa coidando dela e dos seus fillos e foi o propio Dominik o que nos puxo tras a pista e nos falou de Karol", revela José Antonio Beiro.

A fichaxe do mozo internacional polaco, que hai escasas semanas estivo en Zaragoza disputando o Campionato de Europa Sub 22 coa súa selección nacional non foi sinxelo. "Trátase dun xogador moi interesante polo que non só nós fixámonos nel. Cando empezamos a falar, tiña xa unha oferta enriba da mesa do San Stefano italiano e nós sabemos que economicamente non podemos competir coa maior parte dos equipos debido ás nosas limitacións presupostarias. Por iso, foi fundamental o factor emocional. Karol coincidira co agora xogador do Fundación Grupo Norte e ex do Amfiv, Eduardo Giovani Prieto Barragán "Lalo", cando con apenas 16 anos viviu a súa primeira experiencia como xogador profesional no Porto Torres. Dende entón manteñen unha boa amizade, co que o seu consello foi moi importante á hora de tomar a decisión de fichar polo Amfiv. Ao igual que a de Mosler ou, mesmo, rivais que se enfrontaron ao conxunto vigués e só tiveron palabras de eloxio para nós como Bandura (Getafe) ou o sueco Joakim Linden, compañeiro a pasada campaña de Szulc no Oettinberg pero que se mediu ao Amfiv na súa última aventura europea cando defendía as cores do Norrkoping Dolphins. Grazas a eles accedeu a vir  Vigo a pesar de que a nosa oferta económica era menor á dos italianos", puntualiza o director deportivo do conxunto vigués, quen se felicita por ter "o acordo practicamente pechado xa antes do Europeo de Zaragoza posto que a selección polaca non fixo un gran papel xa que rematou última sen gañar ningún partido pero Karol foi dos xogadores máis destacados en anotación e en rebotes".

A súa xuventude non debería ser un excesivo problema de cara á súa rápida adaptación ao equipo posto que "está acostumado. A vai que é un rapaz moi esperto e intelixente, que está habituado dende moi novo a valerse por si mesmo e a vivir fose de casa. Iso vaino axudar tanto fóra como dentro da pista", resalta o director deportivo do Amfiv quen confía en que "nos"achegue altura en defensa e en ataque, axudándonos na intimidación xa que foi o máximo taponador da liga alemá e o rebote. Ademais, parece que ten boa man e que tamén pode ser unha alternativa máis á hora de incomodar ás defensas rivais. Agora hai que ver como rende nunha competición tan esixente como a Liga española e ante adversarios de primeiro nivel".

MOITAS BAIXAS

Por outra parte, César Iglesias e Óscar Carbajo agradecerán ter un xogador máis ás súas ordes nestas sesións de pretempada, no que os contratempos se suceden. Así, o ferrolano Jose Teijido é baixa de momento por un tempo indefinido ao encontrarse hospitalizado no Juan Canalejo de A Coruña con febre e fortes dores abdominais á espera de que lle realicen máis probas para obter un diagnóstico máis exacto. Mentres, o portugués Filipe Carneiro, con molestias no seu ombro esquerdo, tampouco pode adestrar con normalidade posto que está a acudir a sesións de fisioterapia ao Hospital Nuestra Señora de Fátima para tratar de curar cantos antes a súa doenza. E o último en caer foi o capitán, Bernabé Costas, quen tampouco estará presente na primeira sesión co equipo de Karol Szulc polo que nun principio parece un virus gástrico.

Fogografía de José Manuel Martín.