Cabecera Vide

O mundialista do Amfiv, Txema Avendaño, tamén renova

amfivO proxecto do Amfiv para a próxima tempada continúa tomando forma. As boas sensacións do director deportivo, José Antonio Beiro, tras os primeiros contactos cos xogadores estanse transformado en acordos rápidos para a continuidade do groso do equipo que tan bos resultados está a conseguir co club vigués nas últimas campañas.

Despois das renovacións do corpo técnico e de Lorenzo Envó, Bernabé Costas, Vicky Alonso e Julio Vilas, agora chega a quenda do pívot bilbaíno Txema Avendaño, quen cumprirá así a súa cuarta campaña xa no Amfiv. "Txema atopou connosco a estabilidade que lle faltaba á súa carreira posto que anteriormente cambiara de club case cada tempada. Aquí está a gozar de confianza e de minutos aínda que para esta próxima campaña lle pedimos e esperamos que á fin alcance a regularidade que lle falta, posto que nos seus tres anos aquí aínda non foi capaz de completar unha tempada completa a bo nivel. O referente ten que ser o rendemento ofrecido na recta final da campaña pasada, na que, apoiado tamén no grande estado de forma de Lorenzo Envó, mostrou a súa mellor versión dende a súa chegada a Vigo. Esas boas actuacións abríronlle, ademais, as portas da selección española para acudir o pasado verán ao Campionato do Mundo en Korea, onde conseguiu un brillantísimo cuarto posto con España,", resalta o máximo responsable deportivo do Amfiv.

Precisamente, ese bo final da pasada tempada provocou que Avendaño tivese enriba da mesa proposicións interesantes como la do CAI Zaragoza. Non obstante, dende o primeiro momento, o propio xogador deixou claro que a súa primeira intención era seguir no club. "Sempre e cando fosemos capaces de mantelo unhas condicións semellantes ás das últimas campañas. Para nós supuxo un reto interesante xa que, como é habitual, sabiamos que economicamente non poderiamos competir con clubs que manexan moito máis diñeiro como o CAI. Tivemos que revisar os números e encaixar o presuposto pero dado que tampouco pedía nada desorbitado, só manter o mesmo co que xa contaba, puidemos alcanzar un acordo", puntualiza Beiro, quen incide en que "unha vez máis foi clave o desexo de Txema de seguir aquí por enriba dos condicionantes económicos. El atópase feliz e asentado en Vigo e contento no equipo. Sabe que se traballa, aquí ten o escenario perfecto para continuar crecendo como xogador e poder ser peza clave na selección nacional de cara aos Xogos Olímpicos de Río 2016. Pero tamén ten que ser consciente de que o corpo técnico coñece perfectamente que pode esperar del e que llo van esixir. Non podemos contentarnos cun rendemento menor agora que vimos de primeira man o nivel que pode dar Txema e iso só se consegue co esforzo e o traballo diarios".

Samuel Rodríguez, Alberto Abalde e Santi Comesaña

As renovacións de xogadores da casa completáronse tamén ao selarse a continuidade do máis novo, Samuel Rodríguez, e dos dous máis veteranos do equipo, Alberto Abalde e Santi Comesaña. No caso dos dous primeiros, o acordo foi case inmediato aínda que a decisión de Santi Comesaña se demorou bastante máis ante as dúbidas do xogador sobre se desexaba ou non seguir xogando. Ao final a balanza inclinouse do lado correcto e cumprirá a súa décima tempada vestindo a camiseta do Amfiv mentres que Abalde acumulará xa vinte.