Cabecera Vide

Berni Costas, Julio Vilas e Vicky Alonso seguirán unha campaña máis defendendo a camiseta do Amfiv

amfivO Amfiv 2014-2015 empeza xa a tomar corpo. Primeiro foi a renovación do corpo técnico, coa incorporación de Joan Domínguez como preparador físico, logo chegou a quenda de Lorenzo Envó e agora a dirección deportiva do conxunto vigués dá un novo e importantísimo paso adiante na confección do equipo ao pechar dun plumazo a renovación dos seus tres puntos intermedios: Bernabé Costas, Vicky Alonso e Julio Vilas.

"Estamos felices de poder anunciar a continuidade unha tempada máis de tres xogadores que son parte indispensable neste club, un exemplo para todos os rapaces e rapazas da nosa escola porque eles empezaron tamén aí e co seu traballo, esforzo e dedicación chegaron a ser unha referencia no primeiro equipo e internacionais ou mesmo olímpicos como Berni coa selección española", sinala José Antonio Beiro, máximo responsable deportivo do Amfiv.

Iso si, non todos os casos foron iguais. Beiro recoñece que "algunhas negociacións foron máis duras que outras e nalgún caso estabamos practicamente convencidos de que non iamos poder reter o xogador. As boas tempadas que estamos a realizar nas últimas campañas provocan que cheguen ofertas interesantes e moito máis substanciosas economicamente aos nosos xogadores. Ademais, o noso limitado presuposto non nos permite competir co resto de clubs da División de Honra nese aspecto. Afortunadamente, na balanza para decidir non só entra a proposta económica e aí temos que agradecer o compromiso con este proxecto e con esta entidade que tempada tras tempada mostran os xogadores que denominamos da casa. Berni, Vicky e Julio son o exemplo máis claro desta situación porque calquera equipo desexaría telos nas súas filas e nós podemos presumir de ter aquí aos tres e de que seguen no Amfiv porque eles queren estar aquí e non en ningún outro sitio".

O director deportivo do Amfiv traballa agora "coa tranquilidade de que, polo menos, a base do equipo xa está garantida coa continuidade de Envó, Costas, Vilas e Alonso. Estas renovacións invítannos a ver o futuro con optimismo posto que, ademais, as conversacións que mantivemos con outros xogadores tamén marchan por moi bo camiño. Confiamos en ter máis noticias nos próximos días e deixar esta semana o equipo practicamente pechada para iniciar o antes posible o traballo de pretempada".

Pola súa banda, o capitán a pasada tempada do conxunto vigués, Bernabé Costas, mostrábase tamén "contento de seguir na casa, no meu club, no Amfiv. As lesións impedíronme estar co equipo durante máis da metade da campaña anterior e só espero non ter ningún contratempo esta tempada para poder dar o mellor de min mesmo e axudar ao equipo a conseguir os seus obxectivos".

Unha liña moi parecida á expresada pola súa compañeira Vicky Alonso. "O Amfiv deume a oportunidade de empezar neste deporte e grazas a este club puiden chegar a xogar coa selección española e a ser a máxima anotadora nun Campionato de Europa. Ademais, teño aquí o meu traballo e a miña casa, co que non tiven nada que pensar cando falaron comigo para renovar. Mentres o club queira e eu teña ganas, forzas e véxame en condicións de seguir xogando, será difícil que o faga con outra camiseta que non sexa a do Amfiv", resalta Vicky, quen puntualiza que "bo, é posible que me vexades tamén coa da selección".