Cabecera Vide

O Amfiv pecha a campaña na cancha do subcampión de Copa buscando a quinta praza

O conxunto vigués afronta este sábado, en Getafe a partir das 18.30 horas, o último partido da tempada 2013-2014 coa intención de prolongar as boas sensacións tras o seu sensacional terceiro posto na Copa do Rei vencendo precisamente o subcampión nesta edición do torneo do K.O., o CID Casa Murcia Getafe. O Amfiv, ademais, sabe que un triunfo ante os madrileños suporá tamén un premio adicional posto que permitirá ao equipo de César Iglesias rematar a campaña nunha máis que meritoria quinta praza.

"Foi unha semana complicada porque despois do terrible esforzo que tivemos que facer na Copa do Rei, con tres partidos en apenas 24 horas e outras 30 horas de viaxe en autobús, non nos quedou máis remedio que dar o luns libre e renunciar a unha sesión de adestramento. Aínda así, o martes os xogadores aínda estaban destruídos e custou un pouco facerlles entender que non estamos xa de vacacións e que aínda queda este partido, no que xogamos cousas importantes posto que unha vitoria nos daría automaticamente a quinta posición," comenta o técnico do Amfiv.

Ademais, para este último encontro ligueiro, César Iglesias non poderán contar co australiano Nick Radovich, xa de regreso ao seu país por temas de visado. A súa ausencia será cuberta na convocatoria por Alberto Abalde que, a pesar de non poder viaxar habitualmente debido ás súas obrigas laborais, realizou un esforzo para poder estar neste desprazamento e axudar ao equipo na medida do posible. "A baixa de Nick é importante pero xa non só á hora de xogar senón que se notou tamén nos adestramentos, sobre todo á hora de traballar o cinco para cinco. De tódolos xeitos, temos que agradecer a Berto que puidera arranxar para viaxar porque, pola contra, iamos moi xustos nos xogadores clase 4 xa que unicamente teriamos a Lorenzo Envó e Txema Avendaño", subliña César Iglesias.

O adestrador vigués non ten dúbida de que "este sábado se vai poder ver un partido interesante, entre dous equipos en bo momento de forma como demostramos a pasada fin de semana, no que só estivo por enriba noso o intratable Fundosa. Getafe conta nas súas filas con dous xogadores que acaparan case todo o protagonismo ofensivo como son o polaco Bandura e o iraniano Morteza, aos que teremos que ter ben vixiados para tratar de minimizar a súa achega".

Coa quinta posición a tiro, César Iglesias espera que o equipo faga un último esforzo para conseguila e poñer o broche de ouro a outra brillante tempada. "Estamos a competir ante equipos que teñen un presuposto muchísimo máis alto que o noso e que todos eles dispoñen dun equipo moito máis amplo e con xogadores de primeira fila mundial. Por iso, hai que valorar na súa xusta medida o esforzo que ano tras ano fai o Amfiv por estar na máxima categoría nacional deste deporte, pelexando mesmo polos primeiros postos ante rivais cun potencial económico terrible", finaliza.