Cabecera Vide

O Amfiv perde a batalla ante Bilbao por un frouxo terceiro cuarto e os tiros libres

amfiv_bilbaoO Amfiv deixou escapar a oportunidade de conseguir un triunfo moi importante para aspirar a pelexar polas primeiras prazas nesta Fase polo Título da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas, nun encontro que tiña moi ben encarrilado ao descanso (29-19) pero que se complicou muchísimo despois dun mal terceiro cuarto dos vigueses no que encaixaron máis puntos que en toda a primeira parte. 

Un parcial de 11-23 permitiu ao Bilbao chegar con vida ao último período, no que os visitantes, grazas sobre todo ao olímpico Asier García, aproveitaron o seu maior acerto nos tiros libres para facerse coa vitoria.

A importancia do encontro quedou clara xa dende o principio. Os dous equipos sabían que o vencedor daría un grande paso adiante na táboa clasificatoria e esa presión pasou factura en toda a primeira parte, con múltiples balóns perdidos e erros nos lanzamentos. Custaba muchísimo subir cada punto ao marcador e, así, transcorridos oito minutos, o resultado era aínda de 8-2. O Amfiv parecía algo máis fino nestes primeiros compases, rematando en vantaxe o primeiro parcial (12-8, min.10).

A dinámica mantíñase ao comezo do segundo cuarto (17-10, min.13) ata a aparición no partido do colombiano Dani Díaz. Os seus centímetros supuxeron un interesante problema para o conxunto de César Iglesias, que vía como a súa renda se esfumaba nun abrir e pechar de ollo por culpa das canastras do pívot bilbaíno (17-16, min.16). Afortunadamente para os locais, apareceu unha vez máis Envó para cortar a negativa sorte e Julio Vilas engadiu outros catro puntos para deixar o partido como estaba antes (23-16, min.17). Ademais, Berni Costas e Txema Avendaño uníanse á festa, achegando o seu granito de area para chegar ao descanso cunha interesante diferenza a favor do Amfiv (29-19).

Tras o paso polos vestiarios, o partido sufriu un cambio radical. O Bilbao BSR apostou por endurecer a súa defensa cada vez máis co paso dos minutos e, sobre todo, ao ver que obtiña os froitos desexados. Os locais tiñan máis problemas para anotar e outra vez vían como a súa renda se esvaecía (31-28, min.25) para recuperarse de novo un pouco despois (37-30, min.27). Non obstante, o choque cambiara. A grande figura do conxunto de Sando, o olímpico Asier García, desaparecido practicamente nunha primeira parte na que logrou apenas 4 puntos, empezaba a reclamar a súa cota de protagonismo no choque. O seu acerto nos tiros libres acabaría sendo decisivo, sobre todo no último período, para os 14 puntos que logrou nesta segunda parte do total de 18 cos que rematou o encontro. Ademais, o Amfiv empezaba a acusar xa problemas de faltas en homes importantes como Filipe Carneiro, Julio Vilas e Lorenzo Envó e o seu técnico optaba por dodificalos para evitar males maiores. Os locais tiñan moitos problemas para engadir puntos á súa cuadrícula mentres que os visitantes, agora si, anotaban con fluidez superando con facilidade á defensa viguesa. O parcial do cuarto así demóstrao. O Amfiv recibía nestes dez minutos máis puntos que en toda a primeira parte (11-23 polo 29-19 ao descanso) e os bilbaínos se poñía por diante por primeira vez xusto ao concluír o terceiro período (40-42, min.30).

Todo se ía decidir nos últimos dez minutos, nos que a tensión foi máxima e calquera dos dous equipos puido levar o triunfo. Bilbao ameazou primeiro con levarse o gato á auga (45-49, min.35) pero os pupilos de César Iglesias non tiñan pensado nin moito menos renderse doadamente (51-51, min.37). De feito, tiveron a súa ocasión para romper o choque ao seu favor. Non estiveron finos dende o tiro libre e desperdiciaron a oportunidade de abrir unha brecha de 5 puntos tras unha canastra máis falta antideportiva sobre Lorenzo Envó, chegándose ao último minuto con todo no aire (57-57, min.39). Asier non fallou dende a liña de persoal para asegurar o triunfo visitante mentres o Amfiv regalaba dous balóns que imposibilitaron calquera opción e permitiron ao Bilbao redondear a súa vitoria (57-62).

AMFIV - BILBAO BSR 57-62
AMFIV: Julio Vilas (11), Berni Costas (10), Filipe Carnero (-), Lorenzo Envó (19), Txema Avendaño (13) -cinco inicial-, Vicky Alonso (-), Santi Comesaña (-), Samuel Rodríguez (-) e Nick Radovich (4).
BILBAO BSR: Amadou Diallo (4), Rubén Viso (6), Asier García (18), David Mouriz (7), José Leep (13) -cinco inicial-, Dani Díaz (14) e Centeo (-).
PARCIAIS: 12-8, 29-19 (Descanso), 40-42 e 57-62 (final).
ÁRBITROS: Rebolo e González. Eliminaron por cinco faltas persoais aos xogadores do Amfiv Julio Vilas (min.39) e Lorenzo Envó (min.40) e ao visitante Rubén Viso (min.37).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á quinta xornada da Fase polo Título da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no pavillón de Bouzas ante a presenza de 300 afeccionados.

Fotografía de Jorge González Marquéz.