Unha gran defensa certifica a permanencia e deixa a Copa en mans do Amfiv

Imprimir

O Amfiv sabía que se xogaba moito ante o ACE Gran Canaria. Primeiro, non pasar apuros na última xornada desta primeira fase e deixar canto antes garantida a súa continuidade unha campaña máis na máxima categoría nacional. E segundo, ter a oportunidade de rematar entre os tres primeiros, logrando así o billete para a Copa do Rei.

Para ambas as dúas cousas era imprescindible gañar aos insulares, un rival que xa avisara do seu potencial a anterior fin de semana ao dobregar ao Valladolid. Non obstante, o conxunto de César Iglesias sacou a relucir toda a súa casta nesta importante cita e cunha sensacional defensa presionante, foi desgastando pouco a pouco aos canarios ata asestar o golpe definitivo cun parcial de 21-0, ao comezo do último cuarto que desnivelou definitivamente o encontro. O Amfiv respondeu ao reto, estará a próxima campaña de novo na máxima categoría nacional e agora depende de si mesmo na última xornada para estar na Copa do Rei.

O partido era de máxima tensión. Porque se os vigueses sabían que unha derrota supoñía quedar xa fose de calquera opción de disputar a Copa do Rei, os canarios eran conscientes tamén de que unha vitoria selaba o seu billete. De aí que as imprecisións e os erros nos lanzamentos, marcasen un primeiro cuarto de escasa anotación (13-15). Aínda así, os locais xa ían dando mostras da súa formulación, cunha intensa presión que dificultaba moito as accións ofensivas dos visitantes.

Malia todo, o tridente formado por Cristian, Padilla e Juanjo acumula moitos centímetros, permitindo ao ACE Gran Canaria seguir no partido. Axudado tamén porque o Amfiv tampouco estaba excesivamente fino ante o aro rival e desperdiciaba un bo número de ocasións para tratar de dar a volta ao marcador. Só a terceira canastra consecutiva de Avendaño, tras outras tantas xeniais asistencias de Lorenzo Envó, permitían que iso acontecese xusto ao chegarse ao intermedio (27-26).

A segunda parte foi xa outra historia. O desgaste acumulado empezaba a notarse seriamente nos brazos dos xogadores canarios e o conxunto de César Iglesias facíase co mando do partido (34-28, min.23) pero nun cuarto de novo con máis erros que acertos non remataba de rompelo.

Houbo que esperar aos dez últimos minutos para que iso sucedese. A intensidade defensiva dos xogadores locais subiu se cabe un punto máis e o ACE Gran Canaria derrubouse definitivamente completamente esgotado. Ata nove minutos estiveron os visitantes sin anotar e cando o fixeron de novo o partido estaba xa totalmente sentenciado (57-34, min.39). O Amfiv lograra unha vitoria para crer de novo en si mesmo. Un triunfo que asegura o seu obxectivo e deixa nas súas mans a posibilidade de xogar a Copa do Rei. Terá que gañar en Valladolid ou, en caso de non o lograr, esperar a que os insulares perdan na casa na última xornada ante o Amiab albaceteño.

AMFIV - ACE GRAN CANARIA  61-37
AMFIV: Samuel Rodríguez (-), Bernabé Costas (6), Julio Vilas (5), Lorenzo Envó (18), Agustín Alejos (26) -cinco inicial-, Filipe Carneiro (-), Txema Avendaño (-) e Vicky Alonso (-).
ACE GRAN CANARIA: Hernández (2), pulido (-), Juanjo Alonso (7), Cristian (10), Schroeder (4) -cinco inicial-, Arbelo (-), Luis (-), Padilla (12), Santana (-) e Muller (2).
PARCIAIS: 13-15, 27-26 (descanso), 38-32 e 61-37 (final)
ÁRBITROS: Julián rebollo e Jorge Marqués. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á novena xornada do Grupo 2 da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas disputado no Pavillón de Bouzas ante a presenza de aproximadamente 300 espectadores.