Cabecera Vide

Visita do colexio Montesol ao Amfiv co programa da Fundación VIDE “Aprende dos que máis saben”

visitacolegiomontesolOs xogadores do Aldasa Amfiv gozaron na mañá de onte coa visita de máis dun centenar de estudantes de primaria do Colexio Montesol grazas ao programa da Fundación VIDE "Aprende dos que máis saben".

Os nenos, acompañados polos seus profesores, achegáronse ao Pavillón de Bouzas para coñecer un pouco máis en profundidade ao Club Deportivo Amfiv e o baloncesto en cadeira de rodas. Tras unha pequena charla e unha explicación teórica das diferenzas entre o basket en cadeira e a pé a cargo de Antonio Riveiro, o responsable das escolas deportivas do club, chegou o momento máis esperado e celebrado polos mozos, o de subir a unha cadeira. Por espazo de dúas horas, os nenos puideron compartir a pista e aprender algúns trucos da man de Agustín Alejos, Xullo Vilas, Santi Comesaña, Lalo e Najib. Non obstante, o momento máis celebrado polos estudantes chegou á conclusión do acto, cando os seus profesores se animaron tamén a probar a cadeira e a mostrar as súas habilidades no lanzamento a canastra, jaleados polos seus alumnos. A visita concluíu cunha foto de familia dos xogadores co centenar de mozos do Colexio Montesol, que prometeron regresar este sábado ás 18.30 horas ao Pavillón de Bouzas para animar ao Aldasa Amfiv no seu partido ante o Fundosa Once.

O ALDASA AMFIV PREMIARÁ OS SEUS AFECCIONADOS CUNHA VIAXE AO CARIBE PARA DÚAS PERSONAS

O conxunto vigués sorteará entre os seus seguidores a posibilidade de gañar este premio, xentileza de Viaxes Eroski, encestando unha bandexa, un tiro libre e un triplo dende unha cadeira de rodas nun tempo máximo de 45 segundos.

Os afeccionados que a partir deste sábado se despracen ao Pavillón de Bouzas para acudir fielmente á súa cita co Aldasa Amfiv terá un aliciente adicional para facelo, xa que só pola súa asistencia aos encontros que dispute como local o conxunto vigués terán a posibilidade de gañar unha viaxe ao Caribe para dúas persoas en réxime de todo incluído. A iniciativa porase en marcha xa este mesmo sábado no importantísimo partido que os pupilos de Abraham Carrión disputarán (18.30 horas) ante o todopoderoso Fundosa Once, líder invicto da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas.

Grazas á colaboración de Viaxes Eroski, a empresa que xestiona todos os desprazamentos do Aldasa durante a tempada, o conxunto vigués porá a disposición dos seus seguidores a opción de conseguir un interesantísimo premio nos sorteos que habitualmente e dende xa fai numerosas campañas realiza nos descansos dos seus partidos en caso. Deste modo, todos os socios siareiros que acudan aos encontros do Amfiv recibirán na taquilla un boleto para participar nos sorteos, ao igual que aquelas persoas que colaboran co club adquirindo a súa correspondente entrada ao módico prezo de 2 euros. Ademais, todos eles terán a opción de aumentar as súas posibilidades de resultar premiado, comprando máis boletos a só 50 céntimos o número.

No intermedio do encontro procederase a realizar os sorteos dos regalos cedidos por diversas empresas colaboradoras como Fibanc Mediolanum. Pero, sen dúbida, o premio estrela será a viaxe para dúas persoas ao Caribe xentileza de Viaxes Eroski. O seguidor ou seguidora afortunado disporá de 45 segundos para anotar unha canastra dende debaixo do aro, un tiro libre e un triplo mentres os voluntarios do club lle subministran balóns. Unha tarefa que, a priori, pode parecer sinxela pero a dificultade da cal se multiplica exponencialmente cando a hai que realizar sentado nunha cadeira de rodas. Desta forma, o Aldasa Amfiv pretende, tamén, que os seus afeccionados poidan coñecer un pouco máis de preto o baloncesto en cadeira de rodas, vivir a experiencia en primeira persoa e apreciar un pouco máis o esforzo que realizan os xogadores do seu equipo tras experimentar eles mesmos as sensacións de moverse e lanzar canastra dende unha cadeira. Iso si, aqueles que non consigan anotar as tres canastras nos 45 segundos estipulados levarán, ademais da experiencia, un obsequio pola súa participación.


O ALDASA PERDE A LEO TAHTI OS DOUS PRÓXIMOS PARTIDOS

Motivado polo seu traballo de preparación de cara aos Campionatos do Mundo de Atletismo que se celebrarán en 2011 en Nova Zelandia e, sobre todo, para os Xogos Paralímpicos de Londres 2012, o finlandés Leo Pekka Tahti causará baixa ata o próximo 8 de decembro tras emprender este mesmo xoves a viaxe cara a Pangore (India), onde se celebrará unha importante competición internacional de atletismo á que obrigatoriamente debía acudir o plusmarquista mundial dos 100 metros e dobre campión olímpico. Deste modo, Leo Tahti perderase o partido deste sábado en Bouzas ante o Fundosa Once e o que dentro de dez días disputarán os vigueses en Badalona fronte ao Joventut Gam.

"Dáme moita rabia deixar ao equipo agora porque non estamos nun bo momento e gustaríame estar aquí para axudar en todo o posible pero confío plenamente no adestrador e en todos os meus compañeiros para arranxar canto antes a situación. Temos un equipo amplo e de calidade, con doce xogadores e calquera deles pode xogar con plenas garantías, co que estou seguro de que a miña ausencia non será decisiva. Ademais, cando me comprometín co club tanto o presidente como o adestrador xa sabían que ía ter que marchar nestas datas, aínda que me amola non poder xogar este sábado ante o Fundosa xa que era un encontro que facíame unha ilusión especial xogar", declaraba o xogador finlandés instantes antes de subir ao avión rumbo á súa cidade natal, Pori, dende onde logo viaxará co resto da expedición finlandesa á India.