O Aldasa esquece as súas ideas e cae en Toledo

Imprimir

Os vigueses dominaron o partido durante o primeiro cuarto e a metade do segundo, gozando mesmo dunha renda de sete puntos, pero unha tímida reacción do Fuhnpain Peraleda sementou o desconcerto no conxunto de Abraham Carrión, que perdeu o norte en ataque e se mostrou excesivamente brando en defensa (70-56).

Un equipo con dúas caras. Así é o Aldasa Amfiv neste comezo de tempada. Os vigueses, mentres manteñen a concentración e a convicción nas súas posibilidades, son un rival temible que pon contra as cordas a calquera adversario. Non obstante, cando a situación se complica, os pupilos de Abraham Carrión sucumben con extrema facilidade ao nerviosismo e esquecen as súas ideas tanto en ataque coma en defensa. O traballo do técnico pasa agora por maximizar o tempo no que os seus xogadores cumpran co traballado durante a semana e potenciar o aspecto psicolóxico dun grupo que debe empezar canto antes a crer nas súas opcións. Durante a pretempada, o Aldasa xa deu mostras do nivel que pode alcanzar, agora só queda recuperar a confianza perdida neste comezo de campaña despois de tres derrotas ante tres teóricos rivais directos como o Mideba Badajoz, o Fundación Grupo Norte e o Fuhpain Peraleda.

E iso que o comezo do choque en Toledo apenas permitía augurar o que ía suceder despois. O Amfiv saíu ao partido moi enchufado, cumprindo perfectamente coa formulación deseñada polo seu técnico. Deste modo, facendo o que tiñan que facer, os vigueses finalizaron os primeiros dez minutos por diante no marcador (15-16), unha diferenza que mesmo puido ser maior se non fose por dous despistes puntuais en defensa dos visitantes que permitiron senllos triplos de Joseph Leep.

O bo traballo do Aldasa tivo continuación ao comezo do segundo cuarto, co que se alcanzaba unha renda máxima de sete puntos (17-24). Foi nese momento cando o técnico toledano optou por parar o encontro cun tempo morto, un tempo morto que creou muchísimos problemas aos vigueses. Porque o conxunto de Abraham Carrión se precipitou nos dous ataques seguintes mentres que o Fuhnpain si que foi capaz de anotar, co que a diferenza se reduciu nun abrir e pechar de ollos a só tres puntos. Era o principio do fin.

Os nervios atenazaron unha vez máis os visitantes, aos que lles empezou a tremer a boneca. Ademais, o xogo colectivo deu paso ás individuais, cos xogadores intentando facer a guerra pola súa conta para solucionar a situación. O técnico do Aldasa intentou arranxar a situación consumindo os seus dous tempos mortos para aclarar as ideas dos seus pupilos e recuperar o estilo de xogo do comezo do choque pero sen ningún tipo de éxito. Por iso, os toledanos marcharon ao descanso con catro puntos de vantaxe (30-26).

Tras o intermedio, o Amfiv intentou dar a volta ao partido pero máis co corazón que coa cabeza. Os vigueses asumiron moitos máis riscos en defensa, permitindo aos pívots do Fuhnpain conseguir cómodas posicións no interior da zona. A intensidade defensiva non era a habitual no conxunto de Abraham Carrión, co que as posibilidades de remontada se complicaban. Ademais, os locais souberon manterse firmes nas súas conviccións en todo momento, sen variar a súa idea de xogo, aspecto no que os visitantes aínda teñen unha notable marxe de mellora. Con estes condicionantes, a renda non só non diminuía senón que mesmo se acrecentaba (53-46, min.30).

Nos dez últimos minutos, o Aldasa intentouno xa practicamente á desesperada, apostando por unha presión a toda a pista que apenas obtivo o efecto desexado. Porque o Fuhnpain non fallou dende a liña de tiros libres e soubo seguir ata o final co seu estilo de xogo para, pouco a pouco, seguir incrementando a diferenza e conseguir finalmente o triunfo (70-56).

FICHA TÉCNICA
FUHNPAIN PERALEDA: Maquina (10), Sagar (25), García (10), Joseph Leep (12), Orogbemy (3) -cinco inicial-, Avendaño (10), Sánchez (-).
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (16), Moncho Pombo (2), David Mouriz (7), Agustín Alejos (10), Lorenzo Envó (10) -cinco inicial-, Xullo Vilas (2), Santi Comesaña (-), Najib Essahiri (5), Vicky Alonso (-), Lalo (2) e Leo Tahti (2).
PARCIAIS: 15-16, 30-26 (descanso), 53-46 e 70-56.
ÁRBITROS: Sánchez e Maioral. Eliminaron polo Fuhnpain Peraleda o xogador Asier García.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á cuarta xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas.