O Aldasa sacódese a tempo os nervios e gaña ao Casa Murcia Getafe

Imprimir

aldasa-getafe1Os vigueses acusaron, ao igual que no choque inaugural da tempada, a tensión e volveron cometer innumerables erros aínda que reaccionaron a tempo no último cuarto para conseguir o seu primeiro triunfo da tempada (65-56).

Os pupilos de Abraham Carrión respiran xa un pouco máis tranquilos. Chegou a primeira vitoria. A que debe servir para deixar atrás os nervios. O triunfo para serenar ánimos e que os vigueses empecen a mostrar o seu verdadeiro potencial. E iso que a autopresión á que se someteron os xogadores do Aldasa a punto estivo de xogarlles outra mala pasada. Pola súa culpa, repetíronse os fallos inexplicables en lanzamentos teoricamente doados. Non obstante, nesta ocasión, dous oportunos triplos de Lorenzo Envó e Leo Tahti deron a tranquilidade suficiente para non deixar escapar a vitoria (65-56).

A tensión dos xogadores locais foi, ao igual que na primeira xornada, patente dende o asubío inicial. Ademais, o Aldasa non remata de apuntalar a súa parcela defensiva e manter un alto nivel durante os corenta minutos de xogo. Con este panorama, o primeiro cuarto non sorprendeu a case ninguén. As indecisións, fallos e desaxustes foron constantes, un intercambio do que o maior beneficiado foi o Casa Murcia Getafe (14-15, min.10).

Os vigueses apertaron os dentes en defensa durante o segundo parcial, dificultando notablemente o ataque dos madrileños. Non obstante, o Aldasa volveu confundir a rapidez nas súas accións coa precipitación e apareceu de novo a ansiedade por agradar e intentar sentenciar o choque canto antes. Todo isto explica un feito inusual no conxunto vigués, que unicamente conseguiu anotar oito puntos nestes segundos dez minutos. Iso si, tampouco permitiron que o Casa Murcia Getafe superase os oito puntos (22-23, min.20).

Abraham Carrión intentou corrixir estes pequenos desaxustes durante a charla do descanso cos seus xogadores. A aposta pasaba por intentar que se relaxasen e respirasen para mostrar a verdadeira medida das súas posibilidades. Foi a partir dese momento cando o Aldasa sufriu unha pequena transformación, conseguindo unha maior fluidez no seu ataque. Ademais, axudaba bastante que por fin aparecían posibilidades para correr e que os locais empezaban a aproveitar o dous para dous dos seus homes grandes (42-36, min.30). Aquí empezou a destacar xa Agustín Alejos (28 puntos), quen volvería ser protagonista nos instantes finais de partido.

Todo parecía listo para vivir un prácido cuarto e último período, no que os vigueses debían sentenciar. Pero aconteceu todo o contrario. Volveu a aparecer a inseguridade e os nervios, fallando de novo tiros doados, co que o Casa Murcia Getafe enganchábase inesperadamente ao encontro. Afortunadamente, o lanzamento exterior do Aldasa, ata entón totalmente desaparecido, espertou no momento máis oportuno. Primeiro foi un triplo de Lorenzo Envó, ao que seguiu case inmediatamente outro de Leo Pekka Tahti, para colocar a renda dos vigueses en oito puntos (50-42, min.34). Ademais, o finlandés completou a súa boa actuación nos minutos que estivo en pista ao forzar a quinta persoal do pívot americano Warrey, un dos xogadores máis destacados do conxunto madrileño.

Os triplos deron a confianza necesaria ao Amfiv, que esqueceron os nervios anteriores e soubo xestionar o que quedaba de partido grazas a rápidos contragolpes nos momentos oportunos para certificar a súa primeira vitoria (65-56).

 FICHA TÉCNICA
ALDASA AMFIV: Bernabé Costas (5), Moncho Pombo (1), Vicky Alonso (4), Agustín Alejos (28), Lorenzo Envó (7) -cinco inicial-, Xullo Vilas (-), Santi Comesaña (-), Najib Essahiri (-), David Mouriz (7), Lalo (7) e Leo Tahti (4).
CID CASA MURCIA GETAFE: Walley (5), Martin (14), Quevedo (4), Medina (17), Beira (14) -cinco inicial-, López (6), García (2), González (2), Agea (2).
PARCIAIS: 14-15, 22-23 (descanso), 42-36 e 65-56 (final)
ÁRBITROS: Verde e Piñol. Eliminaron por cinco faltas persoais ao xogador do CID Casa Murcia Getafe Walley (min.33) e ao xogador do Aldasa Amfiv Moncho Pombo (min.38).
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á terceira xornada da División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas disputado no Pavillón de Bouzas. Aproximadamente 200 espectadores.