Cabecera Vide

O Aldasa suple a falta de centímetros con intensidade para gañar a Copa Galicia

amfiv_copa_set.2011O novo Aldasa Amfiv estreábase con escasas novidades nas súas filas, a máis destacable e a estrea de Julio Bernárdez, Óscar Carbajo e Sergio González no banco e o debut coa camiseta viguesa do, ata o momento, única fichaxe para a tempada 2011-2012: o pívot vasco Txema Avendaño.

De feito, á espera da inminente chegada de novas incorporacións para reforzar o seu xogo interior, o Aldasa afrontaba o seu primeiro compromiso de pretempada escaso de centímetros. Non obstante, moi pronto quedou claro que esa teórica diferenza de potencial nas zonas non ía ter a máis mínima influencia no encontro. Porque os vigueses afrontaron con moitas ganas o seu primeiro compromiso da pretempada e dende o primeiro minuto deixaron claro que non ían facer concesións a un Basketmi coa súa pretempada recén iniciada.

O bo traballo físico realizado nos escasos días de preparación que leva o Aldasa deixouse notar sobre a pista e, con moita intensidade na súa defensa, os vigueses puxeron en innumerables apuros aos ferrolanos, demostrando a diferenza de categoría entre ambos os dous equipos. Especialmente durante a primeira parte do partido e, sobre todo, nun segundo cuarto no que os xogadores de Julio Bernárdez unicamente permitiron ao seu adversario anotar dous puntos. Por iso, o partido estaba máis que decidido ao intermedio (9-39, min.20).

Con todo, o Amfiv formulou unha segunda metade igual de seria, mantendo a intensidade en defensa e o rigor en ataque para sacar o máximo partido a esta primeira proba de pretempada. Froito diso, a diferenza non fixo máis que crecer co paso dos minutos, aproveitando tamén o baixón físico sufrido polos ferrolanos conforme se achegaba o final de encontro ata chegar ao 28-73 final. Sen dúbida, unha produtiva primeira toma de contacto para o novo corpo técnico vigués que, ademais, se estreou co primeiro título da tempada.

BASKETMI - ALDASA AMFIV 28-73
BASKETMI: Teijido (-), Romero (4), Berto (2), Álvaro Illobre (2), Pedro Paz (18) -cinco inicial-, Lorenxo (-), J.M. Barroso (-), Ramais (-), Cantelar (-), Sánchez (-) e Tesouro (2).

ALDASA AMFIV: Julio Vilas (10), Bernabé Costas (18), David Mouriz (16), Txema Avendaño (16), Vicky Alonso (13) -cinco inicial-, Santi Comesaña (-), Moncho Pombo (-) e Alberto Abalde (-).
PARCIAIS: 7-18, 9-39 (descanso), 20-63 e 28-73 (final)
ÁRBITROS: J. Marqués e Fernández. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á final de a Galicia disputado en Ferrol.