César Iglesias acepta a oferta do COB Ourense e o Aldasa xa busca novo técnico

Imprimir

cesariglesiasDespois da noticia xurdida o pasado venres e case sen tempo aínda para asimilala, o Aldasa Amfiv xa sabe que ten que buscar un novo adestrador para afrontar a tempada 2011-2012 posto que César Iglesias decidiu aceptar a oferta do COB Ourense para incorporarse ao seu corpo técnico e será presentado nas próximas horas.

Dende un principio, a relación entre o xa ex adestrador do conxunto vigués e o club presidido por Pablo Beiro establecíase baixo a condición de que se nalgún momento xurdía unha posibilidade interesante de regresar ao baloncesto a pé profesional, Iglesias era totalmente libre de aceptala. O COB, que esta campaña realizou un importante desembolso para configurar un equipo de garantías para pelexar polo ascenso a EB Ouro, presentoulle esa opción ao vigués, que exercerá de segundo adestrador doutro técnico olívico, Rubén Domínguez "Fiti", co que xa compartiu vestiario no Cíes Vigo, e Iglesias, tras moito meditar, decidiu aceptala.

A marcha de Iglesias obriga a dirección deportiva do Aldasa Amfiv a traballar contra o reloxo porque se ben aínda hai tempo antes do inicio da competición na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas o próximo 22 de outubro, a intención dos vigueses era comezar o traballo de pretempada o máis tardar o luns 5 de setembro. A primeira opción pasaba porque o segundo de César Iglesias, Félix Muñoz, asumise o mando do equipo. Non obstante, as súas circunstancias persoais impiden esta posibilidade. Por ese motivo, o club traballa xa na busca dun novo adestrador entre unha pequena lista de candidatos elaborada conxuntamente co propio César Iglesias e con Félix Muñoz. En principio, a intención do Amfiv é repetir a aposta que tan bos froitos estaba dando con César Iglesias e confiar nun técnico procedente do baloncesto a pé, esperando seguir a boa liña mostrada xa na recta final da pasada campaña. As conversacións iniciáronse xa con algúns candidatos e nos próximos días espera poder anunciar o nome do novo adestrador.

Dende o Aldasa, o seu presidente, Pablo Beiro, desexa "a maior das sortes a César Iglesias nesta nova etapa profesional que vai emprender. Sabiamos que isto podía pasar e o entendemos perfectamente. Hai trens que só pasan unha vez na vida e non se poden deixar escapar. Esperamos que teña moitos éxitos no COB e agradecémoslle profundamente o seu traballo, dedicación e esforzo durante o tempo que defendeu a camiseta do Amfiv".