Moncho Pombo: "Preguntáronme se quería seguir, eu quería e non houbo que falar nada máis"

Imprimir

monchoO Aldasa Amfiv segue confeccionando o equipo para a tempada 2011-2012, unha campaña que iniciará o próximo 22 de outubro en Málaga ante o Clínicas Canto Amivel. O primeiro obxectivo da dirección deportiva do club vigués, encabezada por José Antonio Beiro, era renovar o groso de xogadores nacionais e, por agora, estanse a dar os pasos apropiados.

Deste modo, o primeiro en asegurar a súa continuidade no equipo foi o técnico, César Iglesias. Logo seguíronlle o base internacional Bernabé Costas, a escolta de Narón David Mouriz e o aleiro de Sabarís Julio Vilas. Co adestrador e os puntos intermedios xa renovados, o traballo de José Antonio Beiro céntrase agora nos puntos baixos. E o primeiro en chegar a un acordo para seguir polo menos un ano máis no Amfiv foi o punto 1 de Corme Moncho Pombo.

Pombo sinala que a súa renovación estaba practicamente feita unha vez que a renovación de Aldasa como patrocinador do club permitía ao equipo continuar unha campaña máis disputando a División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas. "Chegar a un acordo foi algo moi doado. Preguntáronme se quería seguir no Amfiv e eu o quería facer así que non había nada máis que falar. Mentres estea feliz no equipo polo menos pola miña parte non haberá ningún problema para continuar e a verdade é que estou moi contento de seguir neste club", afirma o último xogador en renovar o seu contrato coa entidade presidida por Pablo Beiro.

A continuidade do proxecto é unha baza que debería xogar a favor dos vigueses nunha campaña que será complicada posto que ao disputarse o próximo verán os Xogos Paralímpicos en Londres moitos xogadores estranxeiros non sairán dos seus países para preparar coas súas respectivas seleccións nacionais a cita olímpica. "Vai ser unha tempada complicada sobre todo porque non hai moitos xogadores aos que poder fichar pola disputa dos Xogos de Londres 2012, aínda que a secretaría técnica está a traballar duro para intentar montar un bo equipo. Creo que coa base da pasada campaña se pode lograr un bloque competitivo porque o resto de clubs están na mesma situación e tamén perden xogadores que poder fichar. Non obstante, os poucos que hai están moi cobizados e aí é onde se notan as diferenzas de presupostos. Nós non dispoñemos de potencial económico para optar a algunhas fichaxes que outros equipos si poden facer", analiza Pombo.

O punto 1 do Aldasa, malia todo, considera que o seu equipo ten bastante traballo adiantado para poder loitar pola zona media da táboa sen maiores complicacións. "É moi importante poder seguir contando co bloque posto que iso nos permite que con traer as puntuacións que nos fan falta poidamos competir. Contamos con puntos medios e baixos pero fáltannos un par de fichaxes de puntos altos para lograr o plus que nos fai falta debaixo do aro. Ademais, coa marcha de Lorenzo Envó, estamos bastante necesitados nesa posición", subliña Pombo, quen incide noutra baza que debería xogar a favor do Amfiv. "Tamén é bastante importante que siga o adestrador. A min gustábame como adestrabamos e como xogabamos a pasada tempada a pesar de que houbo momentos durante o ano nos que pensamos que podiamos dar máis do que demos. Ao final empezamos a xogar mellor, cando nos convencemos plenamente de que o que faciamos era o correcto. Debe intentar poñer en práctica todo o aprendido a campaña pasada para dar un paso adiante", finaliza Pombo.