Cabecera Vide

Lorenzo Envó, líder do Amfiv, vaise ao Lagun Aro Bilbao por "unha oferta irrexeitable"

despedidaenvoLorenzo Envó Edgang Nsa (Guinea Ecuatorial, 1978) cambiará a súa camiseta do Amfiv co dorsal número 12 por outra a 700 quilómetros de distancia.

O "buque insignia" do cadro vigués de División de Honra en cadeira de rodas, como así o denominou hoxe o director deportivo do club, Chechu Beiro, abandona Vigo por Bilbao, o Amfiv polo Lagun Aro, Galicia por Euskadi. Dez tempadas despois, Envó sae de Vigo. Diego Núñez, Javier Sandomingo, Ana Álvarez, Cristina Cantero, Abrahám Carrión e o actual adestrador, César Iglesias, gozaron do seu xogo e o seu liderado.

"Cando fichei en Vigo a miña intención era ir a Italia, aquí viña de paso, pero lle collín agarimo á cidade e a xente do club sempre estivo aí, apoiándome nos momentos bos e nos malos, e aquí evolucionei moito", dixo o xa exxogador do Amfiv na rolda de prensa de despedida, en VIDE.

Para Beiro, vaise o "xogador referencia" do equipo dende que no verán de 2001 chegou para ascender ao equipo nun ano. "A crise" e "a tardanza de chegar o patrocinador" foron as causas esgrimidas dende a entidade que preside Pablo Beiro para que o internacional español non renove. O base tiña ofertas, comunicounas ao club, a entidade deulle permiso para negociar ante a "situación comprometida" que esta vivía e, despois, "nin contando co patrocinador puidemos igualar a oferta de Bilbao, que era irrexeitable", apuntou o director deportivo local. "As condicións e circunstancias obrigan", resumiu a nova fichaxe do equipo vasco, que ademais advertiu de que "o baloncesto en cadeira de rodas estase convertendo nun deporte cada día máis profesional" no que hai clubs que "están perdendo o paso", matizou.

Envó vaise cunha espiña cravada, porque cando chegou "prometín un título e din tres subtítulos", polo que tamén lanzou unha nova promesa futura: "Algún día volverei e gañarémolo".

Envó foi dúas veces mellor xogador das fases finais continentais que disputou o Amfiv, internacional e a pedra angular dun proxecto que agora terá que buscar un novo líder dez anos despois. "É un día triste", subliñou Beiro. Ao Amfiv tócalle reconstruírse.