César Iglesias vivirá a súa segunda tempada consecutiva á fronte do Aldasa Amfiv

Imprimir

cesariglesiasO Aldasa Amfiv xa ten adestrador para a tempada 2011-2012. "Foi moi sinxelo. A directiva parece que estaba contenta co que se realizou a campaña pasada, especialmente na recta final na que competimos con todos os equipos da zona alta da clasificación desenvolvendo un bo xogo, e a min puxéronmo moi doado para renovar grazas á confianza no corpo técnico dos directivos e á promesa de que volveremos contar cun equipo competitivo", explica o vigués César Iglesias, que vivirá a súa segunda experiencia dentro do baloncesto en cadeira de rodas tras o seu debut o pasado ano no banco do Amfiv.

Iglesias, que se confesa "contento por seguir no club", confía en aproveitar este segundo ano grande parte do traballo realizado a campaña anterior. "Penso que aos xogadores a tempada pasada lles gustou a dinámica de adestramentos e o estilo dinámico de xogo. Imos apostar por esa progresión, que o novo estilo que queremos implantar no Amfiv siga crecendo e desenvolvéndose e, por suposto, probar algunhas cousas novas. Eses son outros motivos máis para continuar un ano máis dirixindo ao equipo", afirma o preparador vigués, quen, como xa sucedese a pasada tempada, conta co beneplácito da directiva para abandonar a entidade no hipotético caso de que ao longo da campaña algún club profesional de baloncesto a pé presentáselle unha oferta irrechazable.

O técnico do Aldasa afronta este segundo ano á fronte do equipo coa intención de aproveitar toda a experiencia acumulada nestes meses e cun coñecemento moito máis amplo do baloncesto en cadeira de rodas e as súas peculiaridades. "Non é o mesmo empezar esta tempada que a anterior, na que todo era novo. Despois de todo o traballo e o que probamos nos adestramentos, ao final da tempada as cousas saían practicamente soas. Ante o Mideba Badajoz gañamos con comodidade e co Fundosa competimos en todo momento e perdemos só por dous puntos. O equipo mostrou unha franca progresión", analiza César Iglesias, quen puntualiza que "quizais nalgún momento nos faltou anotar máis, acerto, pero a nivel de xogo penso que finalizamos a tempada contentos. En defensa probamos moitas situacións que deron resultado e que esta tempada estarán aínda máis traballadas e perfeccionadas".

De momento, Iglesias unicamente dispoñen dun xogador para afrontar a próxima tempada posto que o Amfiv esperou ata asinar hai escasos días a renovación de Aldasa como patrocinador para empezar a tratar as renovacións dos seus xogadores e para iniciar contactos con posibles novas incorporacións. Por iso, ata agora, o único que plasmou a súa continuidade para a campaña 2011-2012 é o capitán, o base internacional Bernabé Costas. Non obstante, Iglesias, que traballa man a man con José Antonio Beiro, o director deportivo da entidade, na confección do equipo, non se mostra preocupado por este aspecto. "O ano pasado vivimos fundamentalmente da achega dos nosos doses e medios e, unha vez que se recuperou da súa lesión, dun tres como Julio Vilas. Faltounos unha maior resolución por parte dos xogadores clase catro, sobre todo os interiores. Espero que este ano poidamos ter xogadores desta puntuación que resolvan realmente as accións que creamos. A nosa liña exterior é xente con talento físico e boa man pero necesitamos xerar vantaxe dentro da zona. Se conseguimos un xogador interior que marque diferenzas, o noso xogo ofensivo mellorará moito", vaticina o adestrador do Amfiv de cara á próxima campaña.