Cabecera Vide

Ao Amfiv escápaselle no derradeiro suspiro un triunfo de prestixio na cancha do Fundosa

O conxunto de César Iglesias rozaron a proeza na última xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas. O Aldasa estivo a punto de conseguir unha vitoria de prestixio na cancha do todopoderoso Fundosa Once, nun choque no que os vigueses levaron a iniciativa case en todo momento, gozando mesmo de rendas superiores aos dez puntos en boa parte do encontro, pero no que fallaron no momento decisivo, mentres que aos madrileños non lles tremeu o pulso nos tiros libres para facerse co triunfo (68-67).

As boas sensacións ofrecidas polo Amfiv a pasada xornada ante o Mideba tiveron a súa continuación este sábado na pista do Fundosa. Porque os pupilos de César Iglesias volveron realizar un grande traballo defensivo e, ademais, mostráronse outra vez moi inspirados en ataque, anotando con facilidade e con case todos os xogadores participando na ofensiva durante os vinte primeiros minutos. Os puntos de Julio Vilas, Bernabé Costas, David Mouriz e ata Moncho Pombo permitían ao Aldasa ter a iniciativa no marcador tanto ao termo dos dez minutos iniciais (14-16) como, sobre todo, ao intermedio, onde a renda dos vigueses era xa máis interesante (26-36, min.20).

Tras a reanudación, o choque mantiña un guión parecido ao da primeira metade aínda que nesta ocasión foron Lorenzo Envó, cun par de triplos, Bernabé Costas e unha boa sorte anotadora de Shawn Russell os argumentos do Aldasa para seguir mantendo a raia a un Fundosa que apertaba para intentar remontar o partido. Malia todo, o conxunto madrileño ía pouco a pouco recortando a diferenza e aos vigueses empezaba a tremerlles o pulso. Mouriz fallou dous contragolpes claros e Russell e Alejos xa non acertaban cos seus lanzamentos dende debaixo do aro para manter a diferenza do Aldasa en torno aos dez puntos e o Fundosa aproveitaba para pechar o terceiro cuarto con só catro puntos de desvantaxe (42-46, min.30).

Non obstante, o conxunto de César Iglesias resistíase a ceder a iniciativa no marcador e presentouse nos dous últimos minutos por diante no marcador. Foi nese momento cando a fortuna sorriu ao todopoderoso Fundosa, que anotou un triplo a taboleiro no último segundo da súa posesión de Bywater para poñerse en vantaxe (67-66). A acción pasou factura no apartado anímico e notouse especialmente no decisivo carrusel de tiros libres que decidiu finalmente o gañador do partido. Tras o triplo de Bywater, o Aldasa dispuxo de dous lanzamentos dende a liña de persoal pero non acertou con ningún dos dous intentos, ao igual que o Fundosa na acción seguinte. Envó si que logrou anotar un dos seus lanzamentos de persoal para igualar o choque (67-67), aínda que a última posesión era polos locais. E cando xa esperaba a prórroga, con só oito décimas para a conclusión do enfrontamento, Shawn Russell cometeu unha persoal sobre Llambi. Ao internacional español tremeulle o pulso nun dos seus lanzamentos pero non no outro, asegurando a vitoria dos madrileños (68-67).

FUNDOSA ONCE - ALDASA AMFIV 68-67
FUNDOSA ONCE: Rodríguez (4), Chambers (14), Bywater (24), Mingo (-), Gavira (5), -cinco inicial-, Gómez (4), Muiño (4), Llambi (13).
ALDASA AMFIV: Julio Vilas (4), Bernabé Costas (14), Lorenzo Envó (19), Shawn Russel (11), Moncho Pombo (2) -cinco inicial-, David Mouriz (12) Agustí Alejos (4), Santi Comesaña (-).
PARCIAIS: 14-16, 26-36 (descanso), 42-46 e 68-67 (final).
ÁRBITROS: Mesa e Esquerdo. Eliminaron por cinco faltas persoais o xogador do Fundosa Gavira.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á última xornada da División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas.