Cabecera Vide

O Aldasa visita Málaga coa intención de seguir sumando triunfos á súa cuadrícula

aldasa-amivel4O Aldasa afronta este sábado ás 18.00 horas en Vélez (Málaga) a antepenúltima xornada na División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas coa tranquilidade de ter xa a súa permanencia na máxima categoría garantida matematicamente pero coa intención de sumar o maior número de vitorias posibles nesta recta final da tempada.

Pola contra, o rival dos vigueses, o Clínicas Canto Amivel, intentará facer valer o factor campo e o apoio da súa afección para superar ao conxunto de César Iglesias e sumar así unha importantísima vitoria na súa loita co Lagun Aro Bilbao Basket por manterse a próxima campaña na División de Honra.

Precisamente, o técnico do Amfiv sabe que a diferenza de motivación entre os seus pupilos e os xogadores malagueños pode ser un factor importante para o encontro deste sábado. "Eles, como Bilbao, están a xogar o descenso e seguro que intentarán aproveitar que xogan na casa para dalo todo. Se non imos coa suficiente fame de vitoria, pasarémolo mal", avisa Iglesias.

Non obstante, o traballo nos adestramentos invita ao optimismo. "Tivemos unha boa semana de traballo tanto en competitividade coma en número ao poder contar con todos os xogadores e aínda que xa non teñamos un obxectivo claro nesta recta final parece que a xente está con ganas para afrontar os tres partidos que nos quedan", resalta o adestrador do Aldasa, quen incide que "está claro que a motivación para este tramo de competición é complicada. Por iso, temos que marcarnos o obxectivo de repetir ou mellorar o que fixemos na primeira volta para o que debemos gañar todo o que nos queda, aínda sabendo que Fundosa é un rival moi complicado, e aproveitando tamén para gañar na casa ao Mideba e sacarnos a espinita da derrota ante eles na euroliga".

As continuas interrupcións da competición nesta recta final da tempada polas diferentes finais europeas supoñen tamén un inconveniente ao impedir que o Amfiv poida coller ritmo de xogo. "Neste momento da tempada, o que se necesita é competir e xogar. Por iso, estes paróns si que afectan. Nos adestramentos agora hai que integrar todo o que traballamos durante o ano no cinco para cinco. Os xogadores xa saben o estilo de xogo e o que queremos. Para iso o que se necesita é competir e estas interrupcións continuas non son boas", subliña Iglesias.

Por último, o preparador vigués realiza unha breve análise do Clínicas Canto Amivel. "Teñen un xogador, Tarik, que nos creou problemas no partido da primeira volta. Estivo moi acertado tirando dende fóra e complicounos a vida subindo o balón e ao contragolpe. Ademais, coméntanme os xogadores que hai outro xogador que non estivo no partido en Bouzas, Jesús Romero, un tres moi bo ao contragolpe, que está na órbita da selección nacional e que achega bastantes cousas ao equipo. Non o coñezo pero teremos que estar atentos para que non nos faga dano. E tamén teremos que controlar os seus cuatros, que en Vigo estiveron bastante acertados na primeira parte,", resalta Iglesias, quen, non obstante, destaca que "o máis importante é que poidamos impoñer noso xogo. A nivel defensivo non hai queixa nos últimos encontros pero en ataque hai que mellorar o acerto e cando chega o balón á zona ser determinantes".