O Aldasa gaña a Copa Galicia co seu mellor partido da pretempada

Imprimir

Os vigueses pecharon o período de preparación cunha cómoda vitoria ante o Basquetmi (39-68), nun choque no que os pupilos de Abraham Carrión, que finalmente puido contar cos internacionais Agustín Alejos e Bernabé Costas, mantiveron un alto nivel defensivo durante case os 40 minutos.

O último partido da pretempada foi tamén o mellor do Aldasa Amfiv que cada semana mostra unha interesante progresión e xa parece a punto para iniciar a División de Honra de Baloncesto en Cadeira de Rodas o próximo sábado 24 de outubro no Pavillón de Bouzas (18.00 horas) ante o Mideba Badajoz. Os pupilos de Abraham Carrión esqueceu a intermitencia mostrada nos seus anteriores compromisos para completar un encontro sólido e consistente durante os corenta minutos de xogo. Froito desa maior concentración, os vigueses non pasaron apuros para conquistar unha nova edición da Copa Galicia ao impoñerse con claridade ao Basquetmi (39-68).

O técnico do Aldasa insistira durante a semana aos seus xogadores na importancia da constancia defensiva, marcando o obxectivo de deixar ao Basquetmi en dez ou menos puntos por cuarto. Os seus pupilos entenderon a mensaxe e puxeron mans á obra dende o asubío inicial, a pesar de que o primeiro cuarto foi unha toma de contacto nos seus primeiros minutos ata ver qué tipo de defensa ía formular o Basquetmi. Unha vez superadas as dúbidas iniciais, o Amfiv empezou pouco a pouco a abrir brecha no marcador elixindo as opcións máis axeitadas en ataque ata rematar o primeiro período cunha interesante renda no marcador (10-23, min.10).

A tónica mantívose nos seguintes dez minutos, nos que os vigueses seguiron aplicándose en defensa aínda que adoeceron dunha maior claridade en ataque. Aínda así, o triunfo estaba encarrilado ao intermedio (20-37, min.20). Porque os xogadores de Abraham Carrión cumprían co pedido polo seu técnico e, mesmo, o levaron ao seu extremo no terceiro período, no que exhibiron a súa mellor defensa en toda a pretempada permitindo que o Basquetmi anotase unicamente 6 puntos (26-52, min.30). Ademais, o técnico do Aldasa aproveitou a situación favorable para dar entrada na pista aos internacionais Agustín Alejos e Bernabé Costas, recén chegados este mesmo venres a Vigo despois de disputar o Campionato de Europa coa selección española na localidade turca de Adana.

Con todo xa decidido, a precipitación chegou ás filas do Aldasa no último período, no que se intentou correr en exceso pero con demasiada precipitación e a intensidade defensiva sufriu un lixeiro baixón, co que os vigueses non puideron cumprir de todo co obxectivo marcado polo seu adestrador ao encaixar 13 puntos neste período. Iso si, a vitoria final non perigou en ningún momento (39-68).

"En liñas xerais pódese dicir que fixemos o mellor encontro defensivamente da pretempada polo menos no que mantivemos a concentración durante máis minutos seguidos" explica Abraham Carrión, quen incide en que "era importante rematar o traballo de preparación cun encontro así para demostrarnos a nós mesmos que podemos defender na liña de 6,25 e o crear moitos problemas aos nosos rivais.

O Aldasa volverá ao traballo o próximo martes para afrontar a última semana de preparación previa ao seu debut na División de Honra o próximo sábado 24 de outubro no Pavillón de Bouzas ante o Mideba Badajoz (18.00 horas)

FICHA TÉCNICA:
BASQUETMI: Romeiro (9), Gutiérrez (6), Tesouro (10), Cantelar (-), Paz (10) -cinco inicial-, Teijifo (2), Gil (-), Fernández (-), Pedros (-) e Illobre (2).
ALDASA AMFIV: Vicky Alonso (-), David Mouriz (9), Moncho Pombo (3), Lorenzo Envó (13), Lalo (21) -cinco inicial-, Xullo Vilas (11), Berni Costas (2), Santi Comesaña (-), Agustín Alejos (5) e Leo Tahti (4).
PARCIAIS: 10-23, 20-37 (descanso), 26-52 e 39-68 (final)
ÁRBITROS: Marqués e Fernández. Sen eliminados.
INCIDENCIAS: Encontro correspondente á final da Copa Galicia disputado no Pavillón do Ensanche de Ferrol.