Pilar Valero, capitá do Celta Indepo, pasará este venres polo quirófano en Pontevedra

Imprimir
pilarPilar Valero, capitá do Celta Indepo de baloncesto feminino, pasará polo quirófano este venres no Hospital Montecelo de Pontevedra. O doutor Ángel Echeverri someteraa a unha substitución protésica do disco intervertebral (é dicir, colocaranlle un disco artificial) e fixará a quinta vértebra lumbar (L5) e a primeira vértebra sacra (S1), onde xa sufrira unha hernia discal tempo atrás.

Con esta operación, a xogadora zaragozana espera pór punto final aos problemas que en febreiro a apartaron da competición despois de semanas con problemas físicos. "Cambio disco por MP3", di Pilar Valero esgrimindo un magnífico humor.

Para ela, entrar no quirófano para resolver os problemas de costas tenlle insuflado unha enorme moral. O médico xa lle indicou que como mínimo estará catro días no hospital trala operación e a céltica realizará toda a rehabilitación en Vigo. "Só despois pensarei que fago no futuro", sinala a internacional. O seu optimismo, dende logo, non o perdeu.