celtajunior1O Celta Caixanova xa coñece os seus rivais para a fase interautonómica do Campionato de España junior de baloncesto feminino, do 29 de abril ao 2 de maio.

Campión galego dende hai semanas (venceu na liga regular a dobre volta), o conxunto que dirixe Miguel Méndez terá que viaxar a Astillero (Santander), onde durante catro días medirase aos subcampións de Castela-León (Aros León) e Asturias (Villa de Luanco) e ao terceiro clasificado de Galicia, o Pontumio. O que quede campión deste grupo A clasificarase para a fase final do Estatal, en Mieres (Asturias) do 18 ao 23 de maio.

Precisamente a disputa en Asturias baixou o nivel dos rivais vigueses. Inicialmente tíñalle que tocar o campeón astur, pero a designación desa comunidade autónoma como sede deu paso directo ao GRH Basketmar Xixón. No outro grupo do intersector de Mieres cruzaranse o campión castelán-leonés, Falcón Viaxes A (Salamanca); o subcampión galego, Fundiciones Rey Caixanova (Vilagarcía); o campión de Cantabria, Arsán (Selaya), e o terceiro de Castela-León, UVA Ponce (Valladolid).

Esta fase está dividida en catro intersectores (Norte, Este, Centro e Sur) e de cada un saen dous clasificados, que se unirán ao Basketmar xixonés. Para completar os doce conxuntos participantes, os tres restantes sairán da decisión da FEB considerando o Campionato de España 2009. O sorteo da vindeira fase será mañá martes en Madrid (11:00 horas).