celta badajozDifícil compromiso o do Celta Zorka no primeiro encontro tras o falecemento de Paco Araújo e as súas xogadoras non fallaron dedicándolle a súa gran vitoria ao seu presidente, nun encontro cheo de emotividade onde non faltou a presenza do presidente de VIDE e concelleiro de Deportes Manel Fernández. O club vigués pediu o seu aprazamento ao Badajoz pero ante a negativa deste, aproveitaron o encontro para renderlle unha merecida homenaxe a Araújo. O resultado foi de 73-54 e as celestes sumaron uns puntos que lle deron a permanencia matemática na categoría.

Ao comezo do partido gardouse un emotivo minuto de silencio e ao finalizar o mesmo, todo o equipo se fundiu nun abrazo con Rosa Patiño, man dereita de Paco Araújo.

O Magope Seis do Nadal Coia tomouse este sábado o desquite ante o OAR pola derrota que lle infrinxiu en Coia na primeira volta. E fíxoo ao grande. Gañou o partido, 24-33, o golaverage particular e ademais arrebatoulle o quinto posto. Foi un dos mellores encontros disputados polos vigueses esta tempada fora da casa e iso que viaxou con varias baixas e co inconveniente de non poder contar cos xogadores de primeira autonómica que tiñan un partido moi importante. Esta fin de semana recibirán en Coia ao Bm. Porriño Galserco (sábado 12, 18.30 h.).

Mal partido de Las Cinco Jotas UB Lavadores que recibía ao Serviauto Bueu e onde nos primeiros dez minutos fallaron dous penaltis e varios contraataques, o que permitiu aos de Bueu marchar no marcador ata os oito goles de diferenza. Tras o descanso, os locais afinaron a puntaría e apertaron en defensa, rebaixando a diferenza ata os catro goles, para rematar o partido pagando o esforzo e deixando o marcador de novo con oito goles (19-27). O partido contou coa presenza do edil de deportes, Manel Fernández.

Finalizou a Superliga 2 feminina para o C.V. Xuvenil Teis cun partido onde se enfrontaban dous equipos galegos, o Xuvenil Teis e o Fisiomás Zalaeta de A Coruña. O derbi leváronllo as coruñesas por un 0-3, pero o resultado non reflicte o bo traballo feito polas xogadoras de Celso Veloso. Por ser o último partido de liga o público respondeu chegando ao centenar de espectadores. O presidente de VIDE, Manel Fernández, apoiou ao Xuvenil coa sua presenza no seu último compromiso ligueiro desta tempada.

O Club Vigo perdeu no derbi co San Sadurniño (0-3) e quedan nunha situación moi incómoda de cara á clasificación final. Menos mal que Leganés perdeu o seu encontro e o seguen separando seis puntos dos vigueses. Será no encontro desta fin de semana, en Madrid, onde se poida aclarar mais o futuro dos de Coia que se enfrontan ao seu rival mais directo. En canto ao partido dicir que os visitantes fixeron o seu traballo sen excesivas florituras e sendo en todo momento mais prácticos que os locais. Dedicáronse a non arriscar e sobre todo a non cometer os erros que cometeron os vigueses e con iso abondoulles para levarse tres puntos que lles achegan mais á cabeza da clasificación.

O Blusens Networks Universidade de Vigo venceu este sábado en As Lagoas no derbi galego de rugby ante o CRAT UDC por 13 a 7, nun partido trabado, por momentos áspero, no que custaba circular o balón, produto quizais dos nervios, o barro e o frío que facía no campus universitario, por debaixo dos 5 graos. Agora descansará esta fin de semana para desprazarse a Burgos o fin de semana do 20.

O CD Mosteiro Bembrive FS empatou na súa cancha ante o FS Boal Belleza "A" (3-3). Os de Pitu manteñen o seu cuarto posto na táboa de clasificación con 39 puntos, con 10 vitorias, 9 empates e 3 derrotas no que vai de Liga. Esta fin de semana enfróntanse ao Ag. D. Fútbol Sala Bueu, farolillo vermello, a domicilio.

E o Halcones de Vigo que comezaba esta fin de semana a tempada, no grupo noroeste da 1ª División da Liga Nacional de Béisbol, non puideron facelo debido ás malas condicións meteorolóxicas. Esta fin de semana recibirán ao Cambre, o encontro xogarase o sábado 12 ás 11 h. no campo de As Plantas, en Bembrive.

Na fotografía, o emotivo minuto de silencio que se viviu en Navia o pasado sábado en homenaxe a Paco Araújo.