O Celta prestará varios trofeos do Museo de Arte Deportiva para a exposición do 40 aniversario do baloncesto feminino

Imprimir
O Real Club Celta garantiu o seu apoio á exposición conmemorativa do 40 aniversario da formación da sección feminina de baloncesto do club celeste, que en decembro terá lugar no IMD das Travesas. Nunha carta asinada polo presidente da Sociedade Anónima Deportiva, Carlos Mouriño, e remitida ao presidente do Celta Indepo, Paco Araújo, aquel “felicita” ao baloncesto “nunha data tan importante” e agradece “a consideración que tivo co noso club involucrando a nosa presenza nun acto tan sinalado”, indícase na epístola.

O Club Deportivo Bosco leva dende maio pasado cunha serie de actos conmemorativos do acordo que en setembro de 1969 levou aos equipos do Estudantes a abandonar ese nome polo do Celta, que crearía unha sección de baloncesto. Cos numerosos trofeos dos anos 80 que atesoura o Real Club Celta no Museo de Arte Deportiva, Araújo invitou á SAD a adherirse a esta exposición. Na misiva, Mouriño di que “encantaríanos colaborar na exposición” e considera o 40 aniversario como unha data “tan marcada e importante”.

O Celta Indepo amósase moi satisfeito e agradecido con esta valiosa colaboración. O club vigués tamén pediu diversos trofeos á Federación Galega de Baloncesto e á Federación Española de Baloncesto, relacionados coas xogadoras internacionais que defenderon as camisetas da selección galega e da española en idades de base e en categoría absoluta. O club tamén pediu a colaboración dos seus afeccionados e de ex xogadoras.